A nadiña do entroido

0

Estamos a puntiño de entrar nos días centrais do entroido,  quizais as datas máis irreverentes do calendario. A festa na que o mundo se pon do revés para converternos en calquera outra cousa agás o que somos a diario, a festa das enchentas de cocido e tamén dunha chea de actividades organizadas por concellos, entidades sociais e negocios hostaleiros. En San Sadurniño a área de Cultura armou dúas actividades dirixidas aos nenos e nenas, pero tamén teremos entroidadas no mercado local do domingo e en Naraío o 4 de marzo.  

A primeira data para apuntarmos será a deste domingo 26, día de mercado local. Entre artesanías, artigos de segunda man e todo tipo de produtos frescos e elaborados haberá un oco para o humor da agrupación O Aturuxo de Melpómene, que se encargará de animar os sendeiros dos xardíns a partir das 12. Mantense a incógnita sobre o que van facer, pero case seguro que será algo relacionado coa terra e, por suposto, coa risa, o teatro e a música, campos todos eles nos que esta asociación é especialista.

Ese día pola tarde,  entre as 17 e as 19 horas, o ximnasio do CPI acollerá unha festa infantil de disfraces na que a cativería gozará de obradoiros, xogos cooperativos, hinchables e música coa animación de La Guagua. A actividade é gratuíta e está pensada para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.

A segunda proposta para a rapazada está prevista para a mañá do Mércores de Cinza na Casa da Cultura. Alí desenvolverase un obradoiro para construír a carauta dun peliqueiro no que, en primeiro lugar, explicarase a historia destes personaxes propios do entroido da vila ourensá de Laza. Despois os nenos e nenas aprenderán a facer unha mitra -a parte superior da máscara- con cartón e pinturas rechamantes. Logo pintarán as carautas e, para rematar, música e baile.

Trátase dunha iniciativa cultural e de conciliación que se desenvolverá de 10.30 a 12.30h. Vai dirixida a cativería a partir de 5 anos e ofértanse 15 prazas. As inscricións -gratuítas- hai que facelas na propia Casa da Cultura ou a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Entroido en Dzine e en Naraío
Outros clásicos destas datas -e dos que temos constancia- son os entroidos da sala Dzine e o que organiza a Asociación Veciñal O Castelo de Narahío.

O evento en Dzine desenvolverase o luns 27 a partir das 23.00h. -lembrade que o martes é festivo local- coa actuación de Pablo Balseiro & Los Cascarillas Trío.

O entroido de Naraío celebrarase o sábado 4 de marzo con dúas partes ben diferenzadas: unha de tarde pensada para os nenos e nenas -e tamén para papás e mamás- e outra pola noite para persoas adultas.

Así, a sesión infantil-familiar -a partir das 18.00h- estará animada por La Guagua, mentres que pola noite -a partir das 23.00h.- tomará o relevo o coñecido showman, cantante e picadiscos Dani Ríos. A el tocaralle mover as máscaras nun espectáculo que sae do convencional baile de entroido. Ademais tamén haberá desfile de disfraces con premios para os mellores e o sorteo dunha cesta con produtos típicos desta época.

 

Share.