A música protagoniza as seguintes citas culturais do Nadal en San Sadurniño

0

Pasadas a Noiteboa e o Nadal, encaramos a última semana de 2022 que en San Sadurniño ten marcadas no calendario dúas citas relacionadas coa música. Así, o xoves 29 a partir das 20:00h teremos na Casa da Cultura o encontro aberto “Ao ritmo do Nadal”, no que poderemos coñecer o proxecto de escola de música moderna que arrancará en xaneiro, ademais de botarlle unhas pezas con calquera instrumento -non é imprescindible- ou aprender cancións. Ao día seguinte en Lamas a AVV Xuntanza ofrécenos un concerto de Nadal no local social do Chao protagonizado por intérpretes locais: Aldara Bellón Sande, Jaime Rodríguez Rico, Erika González Pérez e Víctor Rodríguez Troncoso. Ambos eventos son con entrada libre.

A actividade “Ao ritmo do Nadal” do xoves na Casa da Cultura será unha velada musical na que botarlle unhas panxoliñas -ou outro repertorio- sen máis pretensión que a de xuntarse no centro cultural para despedir o ano. Pode levarse calquera instrumento, aínda que non é obrigatorio, igual que tampouco fai falla saber cantar.

O encontro está promovido pola Concellaría de Cultura e polo músico Xoán Leis, quen dará algúns consellos sobre ritmos. Leis presentou hai unhas semanas a súa idea de impulsar unha pequena escola de música moderna en San Sadurniño e, segundo parece, xa foron varias as persoas -grandes e pequenas- que mostraron o seu interese na iniciativa.

Jazz, heavy, soul, funky, rock, pop, latin… todos os estilos actuais terán cabida nunha proposta que botará a andar o próximo 11 de xaneiro, coa intención de aprender desde cero -non fan falla coñecementos previos- e acabar formando grupos que incluso poidan gravar maquetas. Á fronte da escola estará o propio Juan Leis acompañado por profesorado titulado para impartir as distintas disciplinas. Quen queira anotarse pode contactar co 685 050 921 ou co 610 826 120.

Para ampliar información e para pasar dúas horas ben entretidas tamén se pode acudir este mércores a “Ao ritmo do Nadal”, que se concibe como unha nova presentación do proxecto e un evento informal aberto para cantar e tocar o que se queira entre as oito do serán e as dez da noite. A Concellaría de Cultura ofrecerá chocolate con churros, ademais de sortear un agasallo entre as persoas participantes. Fai falla inscrición previa no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Concerto de Nadal en Lamas
O venres 30 de decembro a música trasládase ao local social do Chao, en Lamas, onde a AVV Xuntanza convidou a varias promesas locais para ofreceren un concerto de Nadal a partir das 17:00h con entrada libre.

Actuarán a pianista e violinista Aldara Bellón Sande, o violoncellista Víctor Rodríguez Toncoso, o violinista Jaime Rodríguez Rico e a frautista Erika González Pérez. Catro intérpretes moi novas e novos que se forman no Conservatorio Profesional de Música das Pontes e no Xan Viaño de Ferrol.

 

 

Share.