A mocidade de San Sadurniño leva a pleno as súas propostas para mellorar o territorio

0

O alumnado de 4º da ESO do colexio público de San Sadurniño visitou esta mañá o Concello para celebrar un pleno informal na compaña do alcalde, Secundino García, e da titular da área de Igualdade, Ana Belén Bereijo. A diferenza dos nenos e nenas máis pequenas do centro, que adoitan vir coñecer a institución e sentar nos escanos do salón de sesións, neste caso a mocidade veu co ánimo de propoñer cousas. Todas elas argumentadas con xeito e moito sentido e tamén practicamente todas factibles. Actividades de lecer alternativo, obras, o impulso de deportes minoritarios e mesmo a anexión de parte de Narón foron só algunhas das peticións expresadas esta mañá pola mocidade. As ideas recolléronse nun completo informe elaborado pola rapazada que o goberno local se comprometeu a estudar co obxectivo de levar adiante aquelas que sexan viables.

A visita ao Concello estivo encadrada nas actividades que desenvolve a mocidade dentro da clase de Valores Éticos, onde estes días se abordou o contido do Día Internacional dos dereitos da Infancia, celebrado o domingo. Entre eses dereitos recoñecidos pola ONU encóntrase  o de que as persoas adultas escoiten o que a mocidade e os nenos e nenas lles teñen que dicir e que as súas opinións sexan tidas en conta.

Con este punto de partida puxéronse mans á obra e redactaron un informe de dez páxinas cargado de ideas sobre como mellorar tanto a programación municipal para eles e elas como outros servizos e infraestruturas dos que se beneficia toda a veciñanza. En total prepararon 22 propostas que foron expoñéndolle esta mañá ao alcalde nun pleno improvisado.

Entre as cuestións referidas ás infraestruturas e os servizos citáronse melloras no transporte escolar e na seguridade do tráfico, a recuperación dos autobuses para ir aos lugares de marcha -ou ás festas-, o acondicionamento dun aparcadoiro ao pé do CPI,  colocar máis bancos no paseo fluvial, instalar accesos wifi nas zonas públicas, que se xestione a chegada da fibra óptica ao centro urbano, dispor dun espazo para a práctica do paintball ou a habilitación dunha senda de descenso sinalizada para bicis de montaña.

No tocante ás actividades a rapazada expuxo un grande bloque de peticións conectadas directamente co seu interese  nunha oferta variada e adaptada aos seus gustos: unha programación estable de cine na Casa da Cultura, traer á Casa da Xuventude picadiscos de renome, instalar no novo edificio un simulador de condución, a celebración dun campionato de pesca no Xubia para a xente nova e incluso promover os deportes de inercia que tanto éxito teñen noutros lugares, como por exemplo Valdoviño.

Ademais destas ideas, tamén houbo tres máis difíciles de encadrar e tanto ou máis relevantes que o resto: que se promocione o emprego local como eixo da sustentabilidade do municipio, que o Concello presione para eliminar a reválida e, quizais a máis sorprendente, que Pedroso deixe de ser de Narón e que se anexione a San Sadurniño “xa que neste concello realízanse moitísimas máis actividades e importa máis a opinión do habitante”.

O alcalde, Secundino García, achegou o seu punto de vista sobre cada unha das propostas e destacou que en grande parte se trate de “ideas que se poden levar adiante sen ningún problema”. A este respecto García mostrouse sorprendido polo feito de que a maioría delas fosen “cuestións sensatas e ben argumentadas que, curiosamente, ninguén expuxo nas asembleas do orzamento participativo que acabamos de pechar. A xente nova ten as ideas máis claras que moitas persoas adultas”.

Antes de rematar a xuntanza, o alcalde lembroulle ao alumnado de 4º da ESO do CPI que o Concello ten á súa disposición a Casa da Mocidade para levar adiante proxectos de lecer e educativos que sexan do seu interese. “Queremos que sexades vós quen nos digades como darlle uso ás novas instalacións, xa que son vosas”. Secundino García tamén lles manifestou aos mozos e mozas o compromiso municipal de estudar a batería de propostas presentadas esta mañá e de levar adiante aquelas que o Concello poida asumir.

Share.