A mocidade dános un toque de atención sobre o que temos máis preto

0

A segunda estrea virtual da presente edición do Chanfaina ‘Lab vén asinada por Pablo Martínez, o participante máis novo do encontro audiovisual e un dos seus membros máis activos. Veciño de San Sadurniño e cunhas ansias desmedidas por contar e se expresar, Pablo sumouse por segundo ano consecutivo á experiencia como creador e como aprendiz do obradoiros impartidos pola xornalista transmedia María Yáñez e polo dúo Esferobite, Belén Montero e Juan Lesta. En 2016 presentara “O meu traxecto ao cole” e en 2017 achega  “Enamorándose de San Sadurniño”, unha curta máis complexa en canto a realización e contido protagonizada por el mesmo e por Iago Lourido, encargado tamén da montaxe das imaxes filmadas por Joám Cortizas. Nela póñense de relevancia a cantidade de recunchos fermosos que rodean o centro urbano do municipio. Porén, a obra deste novísimo realizador zumega vitalidade e tamén as ansias adolescentes de liberdade e de probar experiencias novas, valéndose para iso de espazos que habitualmente pasan desapercibidos. A crítica-resume da obra podemos lela en Fálame de San Sadurniño da man de Manolo González:

Pablo Martínez é o participante mais novo da 4º Chanfainalab. Hai pouco que cumpriu os trece anos e estuda 2º da ESO no CPI de San Sadurniño. De sempre, Pablo foi un mozo inquedo e activo, pois dende os seis anos gústalle gravar coa cámara “o que pode”, aínda que a súa teima verdadeira é a animación. Os seus xéneros favoritos son os filmes de fantasía e ciencia ficción, mais tamén os videoxogos, nomeadamente os que se desenvolven en “mundos abertos”. De feito xestiona PJPentakill, a súa propia canle de videoxogos en youtube.

A pesar da súa xuventude, Pablo participou por segunda vez na Chanfainalab sen complexo algún -nesta ocasión acompañado polos seus amigos- e atravesou o mesmo proceso creativo que o resto de cineastas con máis experiencia. Asistiu aos dous obradoiros da Chanfainab: “Uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs” impartido por María Yañez e o de edición a cargo de Juan Lesta e Belen Montero. “Tiña varias ideas para gravar. A que máis me interesaba era amosar cómo moitas veces a xente ten a beleza diante dos ollos e non é capaz de vela. E cando a descobres, dáste conta que todo canto te rodea é moi fermoso. San Sadurniño é así, porque ademais, os lugares e os sitios do concello están en moi boas condicións. E case ao mesmo tempo xurdiu incorporarlle o tema do parkour que é unha actividade que me mola moito, e sobre todo gravarme e ver cómo quedan os movementos realizados”.

“Enamorándose de San Sadurniño” é unha proposta sinxela de cine fresco e directo, no que un novísimo cineasta ensina e pon en valor o seu mundo cotián ao grito de “abre os ollos e mira”. A vitalidade e ansia de liberdade dos dous adolescentes protagonistas revélanos recunchos fermosos que rodean o centro urbano e que habitualmente pasan desapercibidos. Como ben explica Pablo: “coñezo xente para quen o que lle rodea só é o lugar no que viven, eu pretendo animalos para que non só vivan, senón que tamén gocen co que teñen diante, que non sintan a necesidade de ir a lugares lonxanos para facer calquera cousa ou para topar a felicidade” .

O filme volve  ser unha videocartografía emocional da experiencia diaria dun rapaz de 2º da ESO que, a pesares da súa xuventude, ten os ollos ben abertos para recoñecer e gabarse da beleza cotián do entorno no que vive. Nas sucesivas edicións da Chanfaina seguirá a debullar coa súa mirada e o seu punto de vista nas diversas realidades do Concello. Volve a ser un orgullo contar con rapaces tan creativos como Pablo.

Share.