A Mesa interinstitucional contra a violencia de xénero preséntase este sábado con motivo do acto central do 8M

0

A área municipal de Igualdade trasladou a este sábado 30 de marzo o acto principal co gallo do Día Internacional da Muller. Faino así todos os anos, co obxectivo de que a reivindicación do 8M se deixe sentir máis aló dun día concreto do calendario. O evento arrancará ás 18.00h. na Casa da Cultura con propostas escénicas, musicais e mesmo audiovisuais. Porén, unha das partes de maior trascendencia práctica será a presentación pública da Mesa local de coordinacion interinstitucional contra a violencia de xénero (MLC), un órgano que xa leva tempo funcionando na prevención, detección e actuación ante este tipo de casos e que agora quere abrirse máis á participación social. 

A mesa é un instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados directa ou indirectamente na loita contra a violencia de xénero. Dela forman parte representantes políticos e técnicos do Concello, o responsable de coordinación do Centro de Saúde, o sarxento da Garda Civil e a orientadora do CPI.

Os seus obxectivos son varios, pero entre eles destaca o traballo para detectar de forma anticipada casos de violencia de xénero, afondar na prevención, artellar mecanismos que axilicen a atención e acompañamento das vítimas, incidir na protección das que se atopen en situacións de alto risco e tamén informar e sensibilizar tanto a profesionais como á poboación en xeral.

Para alcanzar estes obxectivos, a MLC funciona xuntando os puntos de vista e o coñecemento de todas as partes implicadas, é dicir, mirando o problema con máis detalle, definindo os indicadores que se deben ter presentes e, a partir deles, poñer en marcha estratexias de actuación conxuntas. De feito, unha das queixas máis repetidas nos foros profesionais que abordan a violencia de xénero é a da diversidade de procedementos preventivos e de actuación existentes nas administracións e noutras entidades públicas e privadas. Todos eles válidos e útiles, pero seguramente máis efectivos se no ámbito territorial dun municipio están coordinados.

A violencia de xénero é a consecuencia máis dramática dun conxunto de factores que cómpre detectar a tempo e de aí que na MLC teñan representación as institucións que antes poden velos. Así, as funcións da mesa pasan pola determinación de criterios para a detección precoz de casos de violencia no municipio, a definición de modelos de atención conxuntos, o seguimento de casos, a posta en común e a avaliación de datos sobre violencia de xénero en cada ámbito e, en paralelo, levar a cabo estratexias e campañas de sensibilización e prevención. Liñas de traballo que se deben poñer en práctica mantendo un contacto fluído co departamento autonómico competente na materia e amplificando a nivel local todas as accións que leve a cabo.

A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero creouse hai 3 anos ao abeiro do Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes deseñado polo Concello. Ten un carácter técnico e reúnese  cada seis meses con carácter ordinario, aínda que tamén marca xuntanzas urxentes se as necesidades así o requiren. Agora, trala presentación pública deste sábado, quere abrirse máis á sociedade e converterse nunha axente de dinamización neste ámbito, sacando adiante campañas e informando puntualmente das súas liñas de traballo como maneira de seguir avanzando na prevención, na educación, na sensibilización e tamén na atención e no acompañamento ás vítimas.

Programación do 8M
A presentación da MLC farase dentro do programa previsto para o acto central co gallo do 8M que terá lugar na Casa da Cultura este sábado a partir das 18.00h. No evento proxectaranse as curtas do Chanfaina Lab “Dereito a sermos vellas”, de Irene Beceiro, e “Non teño dono”, obra de Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo, The Sungirls.

Ademais, a Asociación Brío tamén ten preparada para a ocasión unha coreografía que acompañará a proxección deste último vídeo no que saen case un cento de mulleres de San Sadurniño. A parte musical complétase coas Batukeiras de Ferrolterra.

O acto reserva lugar para a mestura de oralidade e música, co espectáculo “Matrioskas”. Marta Ortiz e Sofía Espiñeira cantan e contan historias sobre mulleres, desexos e vidas postas ao servizo das emocións do público. Matrioskas está producida por Charlatana con dirección de Brais Gutiérrez.

O último evento programado con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, desenvolverase na Casa da Xuventude o venres 12 de abril ás 20.00h. Nesa ocasión presentarase “Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión”,  ensaio escrito por Carme Adán no que se pon enriba da mesa a descrición de como o patriarcado exerce a violencia sobre nós as mulleres, sobre a nosa mente e os nosos corpos.

Financiación con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad (Secretaria de Estado de Igualdad)

Financiación con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad (Secretaria de Estado de Igualdad)

Share.