A Mesa de coordinación contra a violencia de xénero acorda abrirse máis á participación social

0

A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero é un organismo de carácter técnico creado hai tres anos  que se reúne en San Sadurniño cada seis meses con carácter ordinario -e de forma urxente se as necesidades así o requiren- co obxectivo de continuar avanzando na loita contra a lacra social da violencia machista. Nela hai representación municipal, tanto técnica como política, do Centro de Saúde, do CPI San Sadurniño e da Garda Civil. A finalidade principal deste foro é poñer en común e unificar estratexias de cara a lograr maior efectividade e axilidade na resposta ante o problema, traballando para iso na detección precoz, na intervención inmediata, no seguimento dos casos -especialmente na atención ás vítimas- e en todo o relacionado con campañas de sensibilización e educación. A mesa reuniuse onte ao mediodía para facer balance do 2018 e, máis que nada, para programar o 2019. Entre as prioridades marcadas estarían a  de darlle visibilidade ao traballo desenvolvido pola MLC e a de integrar a máis axentes e entidades, coa máis que probable adhesión do Concello de Moeche a este organismo.

Na xuntanza acordouse convidar ao Xulgado de Ferrol encargado de violencia de xénero para que participe na mesa ou, polo menos, para manter unha relación máis estreita e intercambio de coñecemento sobre a mellor maneira de previr, actuar e facer un acompañamento axeitado das vítimas.  Por outra banda tamén se decidiu darlle entrada na mesa a unha persoa en representación do Consello de Participación, como órgano representativo do tecido asociativo, e que os distintos departamentos municipais acheguen as súas propostas a través das concelleiras e concelleiros responsables de cada área.

En canto á participación, á xuntanza da mesa celebrada onte tamén asistiu a concelleira modestina Iria Couce en calidade de convidada para ver como funciona o organismo ante a posibilidade de que Moeche entre formar parte del, propiciando o traballo conxunto de ambos municipios neste ámbito.

O segundo grande tema da reunión foi o de como darlle maior visibilidade á MLC. Para iso optarase por deseñar folletos  onde se recollan as funcións da mesa e tamén unha axenda de contactos e localizacións dos servizos de información e denuncia sobre situacións de abuso ou violencia de xénero. Outra vía para incrementar o coñecemento social sobre o labor da mesa será a organización dunhas xornadas abertas -posiblemente a finais de marzo- e incrementar a difusión de información sobre os seus cometidos e o traballo que leva a cabo.

Un dos proxectos máis importantes foi o deseño por parte da Traballadora social municipal e da anterior orientadora do CPI dun protocolo contra a violencia de xénero no ámbito escolar. “É un dos primeiros, por non dicir o primeiro de Galicia, que se centra especificamente na prevención, na detección e na actuación arredor da violencia de xénero entre a rapazada nos centros de ensino”, comenta a titular de Igualdade, Ana Belén Breixo. O  documento foi aprobado onte polo claustro do profesorado do colexio público e proximamente será aprobado tamén polo Concello.  Ademais, Iria Couce  tamén se comprometeu a presentar o protocolo no consello escolar do CEIP San Ramón de Moeche. “Debido a que falamos de nenas e nenos doutras franxas de idade (en Moeche só hai Educación Primaria) igual hai que adaptar algunhas cousas, pero estamos dispostos a colaborar neste tema co Concello de San Sadurniño”, sinalou a concelleira.

Outros acordos adoptados pola Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero foron o de elaborar unha estatística sobre a evolución numérica dos casos atendidos e convocar a súa próxima xuntanza para o 14 de marzo.

 

Share.