A Mesa contra a violencia de xénero organiza un curso de intervención para entidades

0
A Mesa local de interinstitucional contra a violencia de xénero é un órgano creado en San Sadurniño para continuar traballando na prevención, eliminación e atención ante casos de violencia machista que se poidan producir no territorio. Dela forma parte persoal do Concello, da Garda Civil, do Centro de Saúde e tamén do CPI, que se reúnen periodicamente para coordinar actuacións conxuntas con ese obxectivo. Nunha das súas últimas xuntanzas a mesa sinalou como unha das súas prioridades alcanzar unha maior implicación social na loita contra os maltratos, valéndose para iso da información e da formación. A resultas deste compromiso de apertura á cidadanía e o tecido social, a área de Igualdade e a propia MLC organizaron para este venres unha sesión formativa á que están convidadas todas as entidades veciñais, culturais e deportivas, ademais dos taxistas que traballan no territorio e a responsable da farmacia local. O tema principal do curso é a aprendizaxe sobre como actuar ante un episodio de violencia de xénero.
A actividade está programada para as 17.30h. no salón de Plenos do Concello  e dos seus contidos encargarase María Elena de Jesús, psicóloga e directora do Centro Municipal de Información ás Mulleres de Ourense. Como experta e profesional experimentada en atención e acompañamento ás vítimas, De Jesús comezará a charla contextualizando a raíz da violencia machista en relación co patriarcado social, os estereotipos e prexuízos que o perpetúan de xeración en xeración e como, dentro dese patriarcado, se estruturan as relacións desiguais entre mulleres e homes.
O segundo grande eixo temático meterase máis a fondo no problema, definindo as distintas violencias de xénero -violencia tamén é someter, desprezar, anular á outra persoa, aínda que non haxa agresión física- e en ver con detalle como funciona un proceso -o chamado “ciclo da violencia”- que adoita dar sinais inequívocos desde o primeiro momento e que, unha vez empeza, rara vez se detén e incluso se repite unha e outra vez  con peores consecuencias a cada paso.
Porén, seguramente sexa o terceiro apartado un dos que maior interese esperte entre as persoas participantes, e tamén seguramente sexa do que máis partido tiren á hora de identificar e actuar. A ponente explicará que e como se pode facer cando saibamos dun caso de violencia: o papel que debemos asumir e as maneiras máis efectivas de apoiar á vítima para que logre saír desa espiral da que ás veces non é plenamente consciente e, se o é, non é capaz de fuxir dela polo medo paralizante instalado no fogar ou por outros condicionantes, como a dependencia económica, a estigmatización social ou a crenza de que seguir aguantando é a mellor maneira de protexer os fillos. En relación con este tema tamén se informará sobre os recursos, servizos e prestacións existentes.
Un último bloque temático da sesión -que se desenvolverá de 17.30 a 19.30h.- analizará o presente e futuro da loita contra a violencia machista, partindo do actual contexto sociopolítico e do coñecemento das novas estratexias de dominio sobre da muller instaladas na histórica estrutura patriarcal. Unha estrutura que se tenta neutralizar desde os distintos movementos feministas.
Á xornada están convidadas as persoas que forman parte da MLC -da Garda Civil,  do Centro de Saúde, do Concello e do CPI-, xunto con representantes do Centro de Día, da EIM A Rolada, a titular da farmacia local, taxistas con licenza no territorio e tamén as asociacións deportivas, culturais e veciñais. A actividade conta con finanzamento proveniente do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
pactoestado

Financiación con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad (Secretaria de Estado de Igualdad)

Share.