A ITV dos tractores chegará a San Sadurniño a medidados de decembro

0

Syc-Itv Applus+, a empresa concesionaria das inspeccións técnicas de vehículos, comunicoulle este sábado ao Concello que desprazará a San Sadurniño a estación móbil da maquinaria agrícola a mediados do mes que vén. Os días 15 e 16 de decembro a estación permanecerá  en Igrexafeita e o día 18 de decembro en Santa Mariña do Monte. É necesario pedir vez a través do 902 309 000 ou da web www.sycitv.com. Ademais,  cómpre lembrarlle á xente de Bardaos e Lamas que a ITV tamén atenderá no recinto feiral de San Ramón, en Moeche, os días 9 e 10 de decembro. Igualmente hai que solicitar cita previa. A comunicación chega precedida das protestas tanto do Concello de San Sadurniño como doutros municipios da volta por causa dos retrasos acumulados nas revisións,  posto que a prórroga das itvs dos tractores decretada a raíz do Estado de Alarma vence este luns 9 de novembro. O asunto mesmo chegou ao Parlamento de Galicia e o Congreso dos Deputados, onde o representante do BNG instou ao Goberno a ampliar o período de vixencia das revisións polo menos dous meses máis. De momento non houbo ningún pronunciamento ao respecto.

Os tractores agrícolas, a maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais -excepto motocultores e máquinas equiparadas- teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos. Dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é obrigatoria todos os anos.  Iso si, se os tractores superan os 40 Km/h. a primeira revisión debe pasárselle aos 4 anos, dos 4 aos 16 será bienal e a partir de aí anual.

Superar a revisión é unha obriga legal para poder circular, pero a itv tamén é o lugar onde poden detectar calquera problema grave que lle afecte á seguridade.

Un tractor que non frea ben, coas rodas lampas ou coa dirección frouxa é un perigo para quen guía pero tamén para outros vehículos e persoas que circulan pola vía. Entre 2010 e 2019 producíronse 474 mortes facendo labores agrícolas, das que 292 estiveron relacionadas directamente co manexo destes vehículos.  Grande parte das vítimas foron maiores de 65 anos e nunha porcentaxe moi elevada faleceron esmagadas debaixo do tractor, xa for por un exceso de confianza ou ben por non ter a máquina en condicións.

Neste sentido, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral -organismo dependente da Xunta de Galicia- vai máis aló da recomendación de que o tractor teña a itv pasada e insiste na conveniencia de que as máquinas máis vellas dispoñan de arcos ou cabinas de seguridade homologadas e que se extremen as precaucións coas tomas de forza e o manexo de apeiros.

ITV en Santa Mariña, Moeche e Igrexafeita
A unidade móbil da ITV andará pola nosa zona a mediados do mes que vén, adiantando o prazo facilitado pola concesionaria hai escasas semanas, cando informou de que o seu calendario non prevía trasladar a unidade móbil polo menos ata xaneiro ou febreiro. O Concello solicitoulle que axilizase no posible esas previsións e, en paralelo, dirixiulle á Delegación do Goberno a solicitude formal de que se prorrogase a validez das itvs durante dous meses máis despois do 9 de novembro, día no que vence a prórroga ditada polo Goberno central a raíz da declaración do primeiro Estado de Alarma. A cuestión incluso chegou ao Parlamento Galego e tamén ao Congreso dos Deputados da man do BNG en forma de pregunta ao Executivo que, de momento, non obtivo resposta.

O interese municipal no asunto -reiterado noutros municipios da comarca- debeu ter certa incidencia, desde o momento en que SyC ITV Applus+ remodelou o seu calendario e, finalmente, efectuará as revisións antes do remate do ano. “É un avance importante”, indica Secundino García, aínda que para o alcalde “non é unha solución”. García alude a que pasar a itv en decembro “non achega seguridade sobre que pasará desde este luns 9 de novembro ata que veña a estación móbil. É máis dun mes en que os tractores estarán coa revisión caducada. Fai falla que se amplíe a súa vixencia para darlle cobertura legal aos condutores, tanto para circular como no caso de que se produza algún accidente”.

Ao caso. A unidade móbil da ITV de vehículos agrícolas acudirá a Igrexafeita na xornada do 15 de decembro en horario de 9.00h. a 13.30h. e de 15.15h. a 18.00h. Estará instalada na pista polideportiva, ao pé do local social da Torre. O día 16 de decembro atenderá no mesmo lugar, pero só en horario de 9.00 a 13.30h. 

O día 18 de decembro a estación trasladarase a Santa Mariña do Monte -Moimentos, ao pé da igrexa-, con horario de mañá e de tarde, é dicir, de 9.00 a 13.30h. e de 15.15 a 18.00h.

Ademais destas datas en San Sadurniño, a ITV tamén acudirá ao recinto feiral de San Ramón, en Moeche, a primeiros de mes, moito máis á man para a xente das zonas limítrofes de Lamas e Bardaos: o 9 de decembro en horario de mañá e tarde e o 10 de decembro só en horario de mañá. Outro emprazamento que nos quedaría relativamente preto é o campo da festa de Pedroso, onde se pasarán revisións o luns 21 de decembro.

Para pedir vez hai que chamar ao  902 309 000 ou entrar na web www.sycitv.com

Share.