A historia da “luz” contada polas youtubeiras das hortas

0

A entrega da pasada semana do encontro audiovisual Chanfaina Lab ten contido documental. As mozas youtubeiras das hortas -Lucita de Ernesto, Crucita de Piñón, Maruja da Curuxa, Maruxa da Laxe e Carme dos Pantís- deberon collerlle gusto á historia local e por iso na presente edición repiten un formato co que se estrearon o ano pasado tratando o nacemento, evolución e morte da conserveira El Cisne. Desta vez métense a fondo coa rememoración da chegada da luz ao noso territorio poñendo diante da cámara á actual xeración da familia Orosa, fundadora de “Electra del Narahío”. Cos testemuños de Mercedes e Manuel, as realizadoras -axudadas por Carmen Suárez- relatan con grande frescura e abundancia de documentación gráfica un século do noso pasado recente que aínda estaba por contar. 

Carmen Bouza (Lamas 1948), Carmen Couce (Lamas 1949), Consuelo Picos (Igrexafeita,1945), Cruz Piñón (Ferreira 1953) e Lucita Pita (Naraío, 1937), veteranas colaboradoras de “Fálame de San Sadurniño”, crearon o proxecto “Teño unha horta en San Sadurniño” no ano 2015 co obxectivo de difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres nos traballos do campo. Na súa canle de Youtube– arredor de 70 vídeos publicados- dan a coñecer os labores agrícolas ensinando trucos e tarefas tradicionais da agricultura galega. O proxecto acadou un grande éxito mediático con 510.000 visualizacións e 2.300 subscritores, e xa recibiu unha morea de premios e recoñecementos como o “mellor web serie en VO” no Carballo Interplay, “Mellor vídeo-opinarmos” en Youtubeir@s, ou o premio como “mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores”, outorgado pola fundación DomusVi, de Madrid, entre outros moitos recoñecementos e considerado xa como un referente na rede. As cinco mulleres -xa como cineastas- sorprenderon no IV Chanfaina Lab coas pezas “Historia do cisne, o atún e a troita” e “Boniatos no país do sol poniente”

Nesta edición colaboraron -como todos os anos- na organización do encontro, axudando aos cineastas no que podían, dende a localización e produción, ata o reparto e interpretación noutras pezas como “Breixo”“A rapaza que borboriñaba aos cabalos”“Rexistros. Xeografía de San Sadurniño” ou “Non teño dono”. Tamén asistiron aos cursos de iluminación básica (Alberte Branco) e gravación de son (Carlos Suárez). Mais apostaron novamente por producir un filme relacionado coa memoria colectiva do século XX e que elas viviron en primeira persoa: “Parecíanos interesante que se falara de algo tan importante como é a luz. Queríamos amosar aos máis novos o que hai detrás cando lle dan ao interruptor da luz. Non sabíamos si os actuais propietarios da fábrica da luz ían a querer colaborar, mais os irmáns Orosa aceptaron a nosa proposta moi amablemente. Non queríamos esquecer algo que consideramos importante como esta empresa que leva case 100 anos funcionando.”

“Electra” é un documental de narrativa clásica, en canto á súa estrutura, -concibida para a divulgación- e armada sobre as entrevistas, imaxes e fotografías que van tecendo na historia local e recuperan un feito sobranceiro na vida cotián do século XX. A pesares de parecer unha historia local ten, sen embargo, interés universal; os actuais propietarios da “Electra” tamén abordan algúns dos grandes problemas do presente: o oligopolio das grandes empresas eléctricas, os eucaliptos, a vida cotián e a despoboación do rural, a emigración, etc: “O vídeo fainos retroceder á época do candil, para lembrar as primeiras bombillas que alumearon nas nosas casas e como foron evolucionando ao longo do tempo.Foi un milagre pasar do candil á luz eléctrica. Honra moito aos dous irmáns Orosa que sigan a manter o que tanto traballou o seu avó e os seus pais e pretendemos valorar publicamente a saga dos Orosa”. En resumo, un gran traballo documental que co tempo converterase nun clásico da historia da memoria de San Sadurniño.

Share.