A guía turística do Concello transfórmase en web

0

Hai un ano por estas datas o Concello publicou en papel unha renovada guía de man con todos -ou case todos- os elementos turísticos, históricos e patrimoniais do territorio. Foi poucos días antes da Feira Rural, evento no que se distribuíron os libriños por primeira vez co obxectivo de que todas e todos os visitantes dispuxesen de material de referencia para descubriren a zona se é que tiñan previsto botar o día por aquí. Agora, xusto un ano despois, os contidos daquela guía pasan a un formato web en Google Sites mantendo a súa función de resumir todo o que hai en San Sadurniño, pero con todas as posibilidades que ofrece a rede, como por exemplo os mapas interactivos, un maior número de imaxes e incluso a sincronización coa axenda de eventos municipais. Ademais, toda a información dispoñible enriquécese con ligazóns a interesantísimos artigos de Fálame de San Sadurniño. O novo sitio pode consultarse xa mesmo desde aquí.

Google Sites é unha ferramenta que permite crear webs dun xeito doado e intuitivo sempre que se dispoña dunha conta gmail. Non é tan potente coma wordpress ou outras aplicacións pensadas para proxectos complexos, pero cumpre sobradamente a súa misión de ofrecer de balde un lugar para publicar contidos cun aspecto moi profesional e, sobre todo, integrando outras ferramentas de Google, como Maps, Youtube, Calendar, Docs, etc. E sen necesidade de saber case nada de maquetación web, programación ou deseño: Sites faino todo, só hai que meter nel as fotos e os textos e darlles algo de xeito.

Quen navegue pola web verá, en primeiro lugar, que se adapta a todo tipo de dispositivos, sexan móbiles ou equipos de escritorio. Na primeira pantalla xa temos á man todos os contidos divididos en 12 apartados: paisaxe, época anterior á romanización, o castelo de Naraío, o Pazo da Marquesa, o Convento do Rosario, o patrimonio relixioso, patrimonio civil, feiras e festas, aloxamentos e restaurantes, rutas que se poden facer, un plano de recursos e unha entrada referida ao Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Ademais, nesa páxina de portada tamén aparecen todos os contidos publicados en Google Calendar, tanto os organizados polo Concello como aqueles que nos fan chegar as entidades do municipio.

As seccións interiores -cada un dos apartados- contan con descricións da historia e dos elementos patrimoniais e naturais do concello, ilustrados cunha chea de fotografías e incluso algún vídeo. Como reforzo tamén se inclúe a súa situación en Google Maps e achégase información complementaria con numerosas ligazóns a Fálame de San Sadurniño, auténtico caixón do pasado de San Sadurniño.

A miniweb de turismo de San Sadurniño estará dispoñible tamén en castelán nos próximos días. Ademais faranse algúns axustes para axilizar a velocidade de carga dos contidos.

 

Share.