A fraga da Cortiña convértese en “máxica” por obra de Carlos García e Marina Goti

0

O arboreto galego da Cortiña, situado ao pé do paseo fluvial do Xubia, naceu hai arredor de quince anos como un proxecto ambiental que fose representativo de todos os tipos de bosque autóctono existentes en Galicia. Porén, desde que se celebrou alí a primeira Feira Rural e outros eventos que viñeron despois, o espazo tamén se converteu en lugar ideal para pasar o día, e máis aínda desde que as árbores xa teñen porte abonda para dar sombra. E por se todo isto non fose engado suficiente para achegarse ata alí, agora hai un atractivo máis:  a “Fraga Máxica da Cortiña” deseñada polos artistas locais Carlos García e Marina Goti (2Duendes), coa que, sen dúbida, gozará sobre todo a xente miúda. 

A “Fraga Máxica” está situada precisamente no espazo destinado a representar este tipo de bosque autóctono, aproveitando unha zona de campo que quedaba libre moi preto de onde se encontra a estatua da Deusa Navia -obra tamén de Carlos García- e do lendario Pozo dos Donceis.

Son varias pezas feitas en madeira que exemplifican á perfección o universo creativo do polifacético artista e a súa querencia polos duendes, gnomos, dragóns e animais de fábula que aquí se presentan en grande tamaño. Todos tallados con motoserra a partir de troncos secos de carballo, castiñeiro, ciprés e acacia

Segundo comenta Carlos García, fixo falla un mes para localizar a materia prima e despois outros tres de intenso traballo “pelando, quitando casqueiros, cortando, puíndo, ensamblando…”  sen contar as horas investidas para converter este grande crebacabezas de leños e táboas nunha escena que fose realmente máxica.

Tanto el como Marina Goti -a outra metade de 2Duendes- tiñan claro o que lles encargara o Concello, pero levalo á práctica era cousa distinta.  Aí entraron en xogo a arte espontánea de García e a busca das formas que suxería a propia madeira. “Primeiro mercamos os troncos e despois preparámolos. Non foi nada planeado, as figuras foron xurdindo. Sempre trato temas infantís, de conto… por iso puxemos o dragón, o lagarto, o verme… cousas que lle gustan tanto a nenos como a maiores. Os traballos van saíndo segundo se van facendo… e coa inspiración, claro. De noite, incluso durmindo, discorremos cousas e pola mañá fanse, non hai un planning pensado”, explica García.

Marina, pola súa banda, resume á perfección o sistema de traballo do seu compañeiro de vida e proxecto empresarial, do que ela tamén está contaxiada: “cando tiñamos os troncos parados, o único que viamos eran lagartixas por todos os lados. Un día fun facer o xantar e cando volvín xa estaba feito o lagarto, logo apareceu unha rata…  Carlos non vale para proxectos, ocórreselle unha cousa e ten que facela. E faina”.

A montaxe da “Fraga Máxica” completouse hai escasos días -e de feito aínda faltan por aquelar algúns detalles- despois de que o Concello lle encomendase ao dúo creativo levar a cabo unha actuación artística e decorativa que lle dese un toque lúdico á parte de fraga do arboreto e que, ademais, fose continuación doutras obras doadas ao Concello e conservadas ata o momento polo artista de maneira altruísta, como o camiñante “Andimundi” colocado ao pé da ponte, o boneco “Agapito” (coñecido pola rapazada como o “Pinocho”) e o xigante de madeira bautizado por Carlos García como “Pizpitirigüete”, unha das últimas incorporacións á leira da Cortiña.

Tanto Goti como García móstranse satisfeitos cun resultado que tamén cumpriu as expectativas do Concello. Así o expresou o responsable de Desenvolvemento local e de todo o que ten que ver co turismo, Manolo Varela. “Só poido dicir que a satisfacción co traballo é plena. Hai confianza en Carlos, sabemos que é unha garantía porque pon no traballo toda a súa alma. E o resultado aí está”.

Varela sinala que a elección do emprazamento -nunha das esquinas do arboreto galego- obedeceu á necesidade de que os elementos se colocasen nun lugar “que non impedise para nada calquera tipo de actividade que se faga. Estamos agora mesmo na zona que chamamos A Fraga e deixamos libre todo o sitio necesario para a feira rural, para a feira da plantación… ademais é un complemento perfecto: madeira nun arboreto, que mellor cousa cando vai acompañada de arte”.

Desde que rematou o groso do traballo co pintado das figuras, foron  moitas as familias que se achegaron xa á Cortiña para ver os seres fabulosos ideados por García e Goti. Segundo Manolo Varela, a iniciativa municipal está tendo a acollida agardada. “A todo o mundo lle gusta. Cos pequenos non falas, pero velos desfrutar xa che está dicindo cal é o resultado. Admiran as figuras, miran toda a “bichería” que hai aquí metida e, claro, a quen non lle vai gustar”, pregúntase o concelleiro.

A “Fraga Máxica da Cortiña” é xa unha realidade “feita para durar” habida conta dos materiais utilizados. “Pasarán os anos, eu igual xa non estarei, pero as figuras seguirán aquí”, aseguraba esta mañá Carlos García.

O proxecto supón un investimento municipal de 13.995 euros, IVE incluído, e agárdase que non sexa a última actuación que se leve a cabo na zona da Cortiña para incrementar o seu valor ambiental e como espazo de lecer.

Neste sentido o Concello está preparando un plan co que concorrer aos fondos Next Generation que incluiría, entre outras actuacións, a dotación do paseo cun sistema de iluminación intelixente, o acondicionamento dos seus sendeiros interiores, a ampliación do número de mesas e bancos “e outros equipamentos, algún deles moi novidoso” -precisa Manolo Varela- “que se sumarán aos existentes na horta de conservación Carlos Fornos, ao colmear didáctico e á área de autocaravanas”.

Share.