A festa infantil do Nadal abre dúas semanas de calendario cultural e deportivo

0

A rapazada vén hoxe de vacacións e mañá mesmo teñen xa a primeira cita lúdica organizada polo Concello con motivo do Nadal. A partir das 17.30h. celebrarase na Casa da Cultura a festa infantil na que brincarán, bailarán e recibirán ao Apalpador. Unha cita para a que fai falla inscrición previa enviando cuberta esta ficha a agustin.perez@sansadurnino.gal, algo que se pode facer durante o que resta de día ou entregala impresa na Casa da Cultura pouco antes de que empece a festa. E, de cara á semana que vén, máis cousas: un obradoiro de coroas decorativas o luns, o Nadal Deportivo e o espectáculo O Crebanoces.

A Festa do Nadal vai dirixida a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos, que quedarán no auditorio da Casa da Cultura coas monitoras ata que os papás e mamás volvan recollelos, sobre as 19.00h. Nese tempo terán de todo un pouco: xogos cooperativos, música, baile e obradoiros, que entreterán a cativería ata a chegada do Apalpador, o grande protagonista da tarde. A festa rematará con tempo de sobras para ir ao partido de volei que enfrontará ás 19.30h. no pavillón ao Aldebarán-Intasa co Calasancias da Coruña, no que é o primeiro encontro da segunda volta da SM2.

O centro cultural tamén será sede das actividades do luns pola mañá. A partir das 11.00h. alí desenvolverase un taller de deseño e preparación de coroas do Nadal coas que logo se decorarán as instalacións. Nesta proposta poderá participar rapazada de ata 10 anos e, de igual maneira, hai que apuntarse antes cubrindo e enviando a ficha de inscrición a a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Seguindo a orde da programación, e trala paréntese do día de Noiteboa e de Nadal, atopamos que para o xoves 26, o venres 27 e o luns 30 a área de Cultura e Deportes organizou o tradicional Nadal Deportivo en Familia, pensado para que a rapazada e as mamás e papás compartan tempo de lecer nestas mañás de vacacións.

xoves ofértanse volei, xogos tradicionais e bicicleta (obrigatorio casco e bici). O venres haberá fútbol, xogos predeportivos e zumba. E, por último, o luns 30 proponse baile moderno, baile tradicional e ximnasia rítmica. As actividades do Nadal Deportivo son de balde e hai posibilidade de apuntarse en todas ou só nas que máis  gusten. Tampouco hai límite de idade. As inscricións haberá que facelas na Casa da Cultura o luns 23 como moi tarde cubrindo ou presentando xa cuberta a correspondente folla. Na organización colaboran o CF San Sadurniño, o Aldebarán, o club MTB Biela e Chaveta e tamén a Asociación Brío.

O Crebanoces o sábado 28 á tarde
A última cita municipal coa Cultura antes de que acabe o ano é o clásico de Nadal “O Crebanoces” –sábado 28, 18.30h., Casa da Cultura– en forma de espectáculo de títeres con montaxe de Urdime e inspirado no conto de Hoffmann. O padriño Drosselmeier vainos contar a historia do xoguete que acaba de traer por estas festas para os seus sobriños, un boneco crebanoces que se enfrontará á Raíña dos Ratos e que nos transportará ao mundo dos contos, onde escoitaremos a suite completa do Crebanoces de Tchaikovsky.

Trátase dunha peza para público familiar -rapazada a partir dos 3 anos- con entrada gratuíta para menores de 16 anos e 5€ para persoas maiores desa idade. Cómpre reservar localidades no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Cómpre lembrar tamén que o luns 30 á tarde en Naraío celebran o Nadal na Lareira co mago Pedro Bugarín, que actuará a partir das 19.30h. no local social da Veiga.

Os dous últimos eventos da programación son o Tempos para compartir especial para nenas e nenos do sábado 4 de xaneiro ás 17.00h. en Igrexafeita e a Festa de Reis do domingo 5  a partir das 17.30h. no ximnasio do CPI. Todos os eventos previstos poden consultarse aquí.

Share.