A festa do San Cristovo, escusa perfecta para achegarse a Ferreira esta fin de semana

0

A seguinte parada festeira no territorio é este  sábado e mailo domingo en Ferreira de Arriba, concretamente no Chao de San Cristovo, onde durante dous días honran ao  santo patrón de camiñantes que precisamente hoxe ten escrito o seu nome no almanaque. O sábado a partir das 13.30h. teremos misa e procesión, seguidas dunha sesión vermú animada polos Trovadores, quen repetirán pola noite na compaña do trío Lembranza. O domingo volvemos ter o mesmo plan, aínda que ese día quen subirá ao palco na “función” e na verbena será a orquestra Foliada. O San Cristovo é unha das romarías con máis tradición do concello e polo de atracción de numerosas merendadas, unha delas organizada pola Asociación de Veciños “Adiante” de Igrexafeita para a que hoxe mesmo se pecha o prazo de inscrición nos teléfonos  696 912 975 ou 626 839 398. Ademais de troula, o San Cristovo ofrécenos unha escusa perfecta para achegarnos a Ferreira e descubrir algúns dos tesouros xeolóxicos e patrimoniais que agocha. 

Un dos máis destacados é o Pico de San Vicente ou Pico de Ferreira. Lugar de peregrinación ata hai relativamente pouco na procura de remedio para todo tipo de males do corpo e do espírito, tanto para persoas como para animais. Desde o seu cume hai unha vista de 360º que nos permite observar as terras das Somozas, o val de Moeche, o do Xubia, as terras de Valdoviño e mesmo un chisco da ribeira norte da ría de Ferrol.

O monte chama a atención pola súa feitura de cono truncado, moi diferente dos cómaros e outeiros que o rodean e exemplo típico do que en Xeoloxía se denomina “inselberg”, palabra alemá que significa “monte-illa”. E é que o pico é precisamente iso, unha especie de illa que sobresae na paisaxe e que ten esa forma por obra e gracia de millóns de anos de movementos no interior da Terra e da erosión. Mentres que todo o de arredor se foi desgastando por efecto do vento e a auga -reposicionándose por mor dos cambios que se ían producindo na superficie terrestre-, o pico ferreirés, composto de materiais máis duros, resistiu mellor esa lima do tempo que aínda hoxe continúa sen que nos decatemos.

De feito, o que hoxe podemos ver son materiais que hai 600 millóns de anos estaban debaixo do océano e que 300 millóns de anos despois foron elevándose movidos por forzas inimaxinables ata acabar formando unha cordilleira posiblemente máis elevada que o actual Himalaia. Pero a cousa non pararía aí. Hai aproximadamente 200 millóns de anos, na Era Secundaria, daquela cordilleira xa non quedaba nada. San Sadurniño e o resto de Galicia eran unha grande chaira que, andando o tempo -hai uns 32 millóns de anos- e como efecto colateral do nacemento dos Alpes e da cordilleira Cantábrica, quedou configurada cun aspecto moi similar -a grandes trazos- ao actual.

Todo isto vén a conto de que o Pico de Ferreira é o que é por causa do movemento das placas tectónicas e polo efecto do que se coñece como “erosión diferencial”, é dicir, o que comentábamos antes de que as rochas deste monte se desgastaron menos que as do seu arredor porque eran máis duras a resultas da súa antigüidade e das inmensas presións que soportaron durante millóns e millóns de anos.

Non é de estrañar que un outeiro rematado en punta no medio dunha paisaxe ondulada espertase certa curiosidade mística desde antigo. Pasa no Pico Sacro -quizais o inselberg máis famoso de Galicia-, tamén no Uluru de Ayer’s Rock, en Australia, e en milleiros de montes por toda a Terra que acabarían sendo considerados lugares máxicos ou sagrados. E o de Ferreira non ía ser menos.

Un escrito datado no século XI fálanos da existencia na parroquia de dous templos, un na honra de San Paio e outro adicado a San Vicente. O primeiro está situado no lugar da Seara e é de estilo barroco. No seu interior consérvase a figura dun San Vicente encadeado que, segundo a tradición, fuxía polas noites para irse deitar á súa “cama” no alto do pico que leva o seu nome.

A lenda debe ter fundamento histórico, habida conta de que no pico houbo algún tipo de construción cristiá -quizais ese templo na honra de San Vicente- da que hoxe queda como vestixio unha tumba antropomorfa -a famosa cama do santo- cavada na rocha e cunha pía na cabeceira. Crese que o Pico de Ferreira foi lugar de culto pagán desde antes da cristianización e, ata épocas relativamente recentes, sitio ao que ir para curar doenzas de persoas e animais.

Ademais, o Pico de Ferreira -enclavado na estrema suroccidental do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal- é un punto privilexiado para observar as diferenzas  entre o bloque granítico do Forgoselo, o cordal do Carazo e as áreas sedimentarias que se estenden ao norte do concello. De aí que este tamén sexa unha das visitas obrigadas dentro da planificación do Proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal.

Máis para ver antes de ir á festa
O miradoiro do pico e a cama do santo son dous dos elementos turísticos máis importantes que hai en Ferreira e en San Sadurniño. Pero non os únicos. Na parroquia podemos ver cruceiros e petos de ánimas -un na Leiriña e outro nas Filgueiras-, cruceiros, a igrexa de San Paio co seu palco da música -o único que queda no concello-, a área recreativa do Muíño de Tembrás, as escolas indianas da Leiriña e da Seara, etc.

En definitiva, que o sábado e mailo domingo hai moito máis que facer en Ferreira, aínda que o principal sexa ir ao San Cristovo. A festa ten tamén moita tradición de merendas, das que é posible desfrutar con máis comodidade nas mesas que hai no recinto  ou a ras de chan, á sombra dos castiñeiros e outras árbores que hai pegadiños á capela.

Unha das merendadas máis numerosas será, con total seguridade, a que organiza para o sábado a Asociación de Veciños “Adiante” de Igrexafeita.  Xantarán ensaladilla, salpicón e xarrete, acompañados á sobremesa de biscoito, requeixo e café. O prezo son 25€ e nel inclúese a cea a base de paella.

O último día para anotarse é hoxe, día 10 de xullo, e cómpre chamar aos teléfonos  696 912 975 ou 626 839 398.

Share.