A Feira Rural volverá premiar os mellores lotes de froita da comarca

0

A Feira Rural de San Sadurniño que se celebra este sábado ten entre os seus obxectivos promocionar as castes autóctonas de froita e reivindicar o seu potencial económico. Por iso unha das seccións fixas do evento é o concurso de lotes organizado en colaboración coa Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume quen, ademais, xestiona a horta de conservación Carlos Fornos, situada no lugar da Cortiña.  As inscricións no certame haberá que facelas o propio día da feira e os tres primeiros premios decidiranse mediante unha táboa de valoración das características organolépticas e morfolóxicas de cada lote concursante. Ademais, todas as persoas participantes levarán como agasallo unha árbore froiteira. 

Cada persoa poderá presentar cantos lotes de froita queira sempre que cada un deles sexa da mesma variedade e teña un peso mínimo de 2 quilos, aínda que o xurado pode admitir cantidades inferiores se a súa rareza ou o tamaño das pezas o xustifican. Os lotes deberán proceder de hortas tradicionais das comarcas de Ferrol, o Eume, o Ortegal ou Betanzos, vir presentados en cestos (non se admiten caixas con denominacións comerciais) e está marcado que por cada unidade familiar só se poderá percibir un premio.

A Comisión de Inscrición estará formada por dúas persoas expertas da AGFA, mentres que ao xurado se sumará tamén unha persoa en representación do Concello. Para facer as valoracións contarán cunha táboa de puntuación que, entre outros factores, valorará se se trata de variedades antigas ou en perigo de extinción, o seu tamaño, se a pel presenta ou non defectos, a cor, o grao de maduración, o sabor, etc.

Só por participar levarase como agasallo un pé dunha froiteira do país e os tres primeiros premios recibirán cadanseu bono de 75 euros para gastar nun establecemento comercial ou hostaleiro do Concello. Os cestos premiados sortearanse -xunto cos achegados pola AGFA do Eume- ás 13:45 e ás 19:45h.

As bases completas poden consultarse nesta ligazón. O documento tamén  reflicte os horarios do concurso. As inscricións cómpre facelas na carpa principal de 10:30 a 11:00h. e  de 11:30 a 13:30h., aproximadamente, o xurado fará a valoración de cada lote. A comunicación  do fallo e a entrega dos premios será inmediatamente despois. Se houbese algunha reclamación, a entrega faríase media hora despois.

Visitas guiadas
O concurso da froita autóctona non é a única actividade relacionada coa difusión do noso patrimonio vexetal. A AGFA do Eume programou dúas visitas guiadas á horta de froiteiras Carlos Fornos, unha ás 11:30h que leva asociado un obradoiro de enxertado e outra ás 17:30h na que tamén se tratarán as podas de verán.

No mesmo recinto da horta encóntrase o colmear didáctico do Concello, que se poderá visitar ás 12:30 e ás 18:30h. Nesta instalación xestionada pola Asociación Casa do Mel veranse aspectos clave da crianza das abellas e tamén métodos para protexer as colmeas de enfermidades e do ataque de pragas, como ocorre nos últimos anos coa avespa asiática.

Os percorridos polo recinto faranse en grupos reducidos e con inscrición previa. O prazo de reserva finaliza este xoves 26 de agosto ás 14:00h chamando ao 616 332 919.

Últimos días para anotarse no primeiro curso da Oficina Agraria Comarcal
En relación co sector primario, cómpre recordar que este xoves tamén finaliza o prazo de preinscrición no curso Iniciación e mellora da gandaría de ovino e cabrún que se desenvolverá na Casa da Cultura do 6 a 10 de setembro en horario de 9:00 a 14:00h.

Esta acción formativa está organizada pola Oficina Agraria Comarcal en colaboración co Concello e tocará durante cinco días os principais aspectos dunha actividade con grandes posibilidades de aproveitamento cárnico e leiteiro, pero tamén como ferramenta de prevención dos incendios.

O curso é o máis extenso en duración e en contido dos catro que hai programados de setembro a outubro, que abordarán -ademais- a avicultura artesanal, a agricultura ecolóxica e a iniciación á micoloxía. Para cada unha destas accións formativas ofértanse 20 prazas gratuítas. As preinscricións deben facerse cubrindo esta folla, que despois se poderá rexistrar no Concello ou ben directamente na oficina dependente de Medio Rural. Toda a información cos días e prazos de inscrición poden consultarse aquí.

Share.