A Feira Rural celebra dez edicións promovendo o sector primario e a sustentabilidade

0

A Feira Rural de San Sadurniño converteuse xa nun referente para a promoción do medio rural como un medio vivo e con futuro. O próximo 25 de agosto celebrarase ao pé do paseo fluvial do Xubia unha décima edición que calcará a estrutura habitual da xornada, na que se combina o espazo do mercado, a zona de exposicións de froita e venda de alimentación e unha chea de propostas paralelas para todas as idades que buscan iso, mostrar as oportunidades de desenvolvemento vencelladas ao agro e o medio ambiente. A feira comezará pouco despois das 10 da mañá e, nesta ocasión, contará coa presenza de experiencias doutros lugares do Estado centradas na activación do rural por medio da produción alimentaria de calidade.

Serán catro as entidades que traerán a San Sadurniño unha exposición do traballo que fan e tamén dos seus produtos. Así, a Asociación El Prao de Luyas, procedente de Valladolid, que ten entre os seus obxectivos  desenvolver unha agricultura alternativa que respecte a biodiversidade. No mesmo camiño tamén avanza a asociación Máisdetres, que agrupa pequenos produtores e produtoras da Barbanza, O Sar e A Maía, que atenden mercados de proximidade coa súa mercadoría fresca e elaborada, ademais de recuperar variedades tradicionais.

De Aragón tamén chegará a experiencia de La Huerta del lugar, radicada na localidade de La Almunia de Doña Godina, que, tal e como sinala na súa páxina en Facebook, ten a súa liña de negocio na recuperación de sabores e saberes na produción de froita e verdura.  O cuarto convidado á Feira Rural é o Club Sierense de amigos de la manzana de Asturias, especializado na preservación de variedades de mazá autóctonas e na procura de novas vías de transformación, aínda que a principal sexa o aproveitamento sidreiro.

Porén, a feira albergará moito, moitísimo máis que ver e facer.  Haberá mercado desde primeira hora da mañá -produtos frescos, alimentos transformados, viveiros de planta e flor, artesanía e artigos de segunda man- distribuído polo arboredo de especies autóctonas da Cortiña. Na carpa principal poderán atoparse alimentos de calidade e tamén a froita que se presente ao concurso organizado polo Concello e a AGFA do Eume. As bases completas poden descargarse desde esta ligazón e os lotes a concurso deberán inscribirse o mesmo día a primeira hora da mañá.

O prazo de solicitude de participación na feira para os postos do mercado está aberto até o día 22 de agosto presentando cuberta a correspondente folla no Rexistro do Concello, na Casa da Cultura, por correo postal ou por correo electrónico dirixido a agustin.perez@sansadurnino.gal. A organización da feira fixou en 4 metros liñais o máximo que se poderá reservar debaixo da carpa principal da feira, que acollerá a venda de produtos alimentarios frescos e elaborados, mentres que nos sendeiros do arboreto o tope serán 20 metros.

O programa de actividades paralelas inclúe a VII Copa de Agility canino Concello de San Sadurniño, unha nova edición do concurso monográfico da raza Can de Palleiro, unha exhibición hípica de saltos -seguida de paseos a cabalo para rapazada e persoas adultas-, paseos en canoa durante toda a xornada e dous  obradoiros para os nenos e nenas: un de mañá con 10 prazas dispoñibles no que poderán aprender a construír caixas niño e outro de tarde -30 prazas- que lles ensinará a facer queixo artesán. Estas actividades requiren inscrición previa no posto do Concello de San Sadurniño.

Ademais tamén se prevén dous sorteos de lotes de produtos -un ás 14.15h. e outro ás 19.15h.- visitas guiadas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos -situada ao pé da feira- e ao colmear didáctico xestionado pola Asociación Casa do Mel de Goente. Por outra banda, o evento contará coa animación musical das pandereteiras Lina e Lola e do cuarteto de música tradicional Xente Nova.

Onde xantar
A feira disporá cun posto de churrasco e polbo, ademais dunha chea de postos onde mercar unha empanada… aínda que tamén é moi boa opción acudir a algún dos restaurantes do concello: o Mesón A GranxaO Muíño do Pepe, Mesón O Ferrador, Parrillada Riboira (en Lamas), Os Cazadores (Santa Mariña do Monte)- e Casa Casal (Igrexafeita), aínda que convén reservar con tempo de antelación nos que quedan máis preto da feira. Outra opción é vir de merenda e aproveitar algún dos recunchos que ofrecen o paseo fluvial, os xardíns municipais, o contorno do Convento do Rosario ou a área recreativa dos Currás (ao pé da piscina).

PROGRAMA COMPLETO

10.00h. Apertura da feira e expositores: Agroalimentación, Artesanía, Viveiros e 2ª man.

10.30h. a 11.00h. Concurso da Froita Autóctona:
– Inscricións de lotes de froita para concurso. De 10.30 a 11.00 h
– Fallo do concurso da Froita. 13.30 h
– Entrega de Premios. 14.00 h (Agasallo dunha froiteira autóctona só por participar)
1º premio: Cesto de produtos valorado en 100 euros
2º premio: Cesto de produtos valorado en 75 euros
3º premio: Cesto de produtos valorado en 50 euros

11.00h. a 13.30h  VII Copa Agility Concello de San Sadurniño
11.30h. Primeira visita guiada á horta de froiteiras autóctonas con obradoiro de enxertado (inscrición no posto do Concello)
12.00 a 14.00h. Degustación de froita autóctona
12.15h. Obradoiro infantil de construción de caixas niño para paxaros (10 prazas)
12.30h. Primeira visita guiada ao Colmear didáctico. (Inscrición no posto do Concello)
14.15h. Sorteo de cestos con produtos do país (carpa principal)
16.45 a 18.45h.  Obradoiro infantil de elaboración de queixo (30 prazas)
17.00h. Visita guiada á Horta de Froiteiras Autóctonas con obradoiro de poda de verán
17.00 a 19.00h. Concurso Monográfico da Raza Can de Palleiro, con premios para os mellores exemplares nas categorías de cachorros, xuvenís e adultos.
18.00h.  Visita ao apiario didáctico
18.00h. a 18.30h. Exhibición hípica de saltos
18.30h. a 19.00h. Paseos a cabalo para persoas adultas
19.00h. a 19.30h. Xincana a cabalo
19.15h. Segundo sorteo de produtos e lotes de froita autóctona
19.30h. a 20.00h. Paseos a cabalo para a rapazada
20.15h. Clausura da X Feira Rural

Exposicións permanentes 10.30 a 19.30h.:
– Froita Autóctona da Asociación A.G.F.A. do Eume
– Apicultura da Asociación Casa do Mel de Goente
– Cociñas e trebellos solares da Asociación Os Picos do Sol.
– Club de raza Can de Palleiro.
– Campaña “Separar con xeito, para reciclar a feito”

Iniciativas de recuperación e activación do rural
Asociación El Prao de Luyas (Castela León)
La huerta del lugar (Aragón)
Asociación Máisdetres (A Barbanza, Sar e A Maía)
Club Sierense de amigos de la manzana de Asturias

Actividades paralelas:
– Baixadas en canoa polo Río Xubia. 11.00h. a 14.30h. e de 15.30 a 19.00h.
– Grupo de pandereteiras “Lina e Lola” e Cuarteto tradicional “Xente Nova”, animación musical durante a xornada

Expositor do Concello:
– Inscricións para visitas guiadas ó Apiario e/ou á Horta de Froiteiras, así como para as baixadas en canoa, os  obradoiros infantís e os paseos a cabalo
– Información turística xunto con minerais e paneis sobre o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

 

Share.