A Feira Rural acollerá unha das probas do concurso autonómico da raza Can de Palleiro

0

Pouco a pouco imos coñecendo máis detalles do que nos ofrecerá a IX Feira Rural de San Sadurniño durante toda a xornada do sábado 26 de agosto ao pé do paseo fluvial do Xuvia. Unha cita que este ano terá un marcado carácter canino, posto que á tradicional copa de agility que se vén celebrando na cita se lle vai unir este ano o II Concurso Monográfico da Raza Can de Palleiro, organizado polo club do mesmo nome. O concurso é puntuable para o trofeo Can de palleiro do ano en Galicia 2018 e quen teña un can ou unha cadela desta raza -debe ter inscrición no libro xenealóxico oficial- pode inscribirse ata o 24 de agosto no correo candepalleiro@candepalleiro.com, chamando ao 629 864 754 ou o no posto do club organizador ata media hora antes do inicio dos xulgamentos.

A proba contará con tres categorías separadas en cada caso para machos e femias: mellor cachorro/moi cachorro, destinado ao xulgamento morfolóxico de animais de 3 a 9 meses; mellor animal xove -de 9 a 18 meses- e mellor animal adulto, é dicir, maior de ano e medio. Ademais, de entre todas as categorías tamén se elixirá a mellor cadela ou can do concurso.

Para poder participar é condición indispensable formar parte do Libro Xenealóxico da Raza supervisado polo propio club desde que a Xunta comezou a recuperación das razas caninas autóctonas de Galicia, hai case 20 anos. Porén, no caso dos animais adultos -máis de 18 meses- deberán ter recibida a cualificación de aptitude para a reprodución dentro dos estándares morfolóxicos da raza Can de Palleiro.

O concurso de San Sadurniño -e todos os que desenvolve o club- rexerase pola normativa dos certames de morfoloxía  publicada pola Real Sociedade Canina de España. Esta será a segunda proba da raza de cara ao trofeo que premiará o mellor exemplar do ano 2018 e que se entregará na Semana Verde do ano que vén. Ata daquela contaranse alomenos catro monográficos coma este e para optar ao título final será requisito ter participado en alomenos dous deles.

O II Concurso Monográfico da Raza Can de Palleiro comezará sobre as 17.00h. coa inspección veterinaria dos animais inscritos e media hora despois iniciaranse as probas morfolóxicas nunha área valada duns 150 m². A participación no concurso é gratuíta, pero será obrigatorio cursar a solicitude a través do 629 864 754 ou do correo candepalleiro@candepalleiro.com antes das doce da noite do 24 de agosto. Tamén se poderán inscribir animais presencialmente ata media hora antes da proba, iso si, pagando 10 euros e quedando fóra do catálogo que se editará ao final do monográfico.

O obxectivo tanto do monográfico como do trofeo anual é, segundo o club, “apoiar o labor das persoas propietarias e favorecer a recuperación da raza canina autóctona Can de Palleiro”. Ademais de organizar a proba, a entidade tamén terá durante toda a xornada da Feira Rural un posto de información sobre as actividades que desenvolve e sobre como facerse cun exemplar con pedigrí.

Máis cans e tamén cabalos
Ademais do concurso da raza autóctona, a feira tamén acollerá a tradicional proba de destreza canina organizada por Lobos de Naraío. A VI Copa Agility Concello de San Sadurniño desenvolverase entre as 11.00 e as 13.30h. e nela poderá verse a habilidade de cans e cadelas de distintas razas superando varios obstáculos  no menor tempo posible e sen penalizacións.

Por outra banda, a organización tamén introduciu este ano un obradoiro de iniciación á monta a cabalo en colaboración coa Hípica Prado VenturaO persoal da empresa dará primeiro unhas explicacións introdutorias e logo fará unha exhibición percorrendo un circuíto moi sinxelo. Despois será o público quen poderá probar, as persoas adultas entre as 17.15 e as 18.15h. e os nenos e nenas desde as 18.15 ata as 19.00h.

Máis información:
Bases do concurso da Raza Can de Palleiro
Programación completa da IX Feira Rural

 

 

Share.