A Feira da Plantación repite o éxito a pesar do tempo

0

Absolutamente todos, organización e expositores, coinciden en que esta XXIII Feira da Plantación de San Sadurniño foi unha das edicións máis exitosas da súa historia, non tanto pola afluencia de público como polas boas vendas que se deron no evento. As previsións meteorolóxicas anunciaban un domingo de auga que, porén, non logrou deslucir unha feira beneficiada polo longo inverno que tivemos. O mal tempo dos últimos meses retrasou os morteiros e tamén a renovación dos xardíns. A xente está impaciente por facer os labores de fóra e na Feira da Plantación había todo o necesario: cebolo, leitugas, pementos, árbores… pero, máis que nada, unha grande variedade de flor e planta ornamental.

Preto das 13.00h. os postos da carpa non daban feito para atender a tanta xente como se xuntou na edición deste ano. A esa hora, o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, facía unha primeira valoración sobre a marcha do evento. “Non hai máis que ver a asistencia e a venda que se está producindo a estas alturas para determinar que a feira é un grande éxito. A xente vai cargada de bolsas e ese é o mellor indicador”, comentaba o edil no momento de maior afluencia e maior traballo para os expositores.

Varela non quixo facer unha aproximación ao número total de visitantes nin tampouco sobre o volume de negocio da feira que, tal e como sinalou, “tamén repercute na hostalaría, xa que moita xente queda xantar e pasear por San Sadurniño”. O que si se sabe é que, durante a mañá, o Concello entregou como agasallo arredor de 8.000 plantas doadas por Vivergal que se repartían de tres en tres ou de catro en catro. Cómpre ter en conta, iso si, que, segundo o técnico municipal Ignacio Fernández, “non toda a xente que veu á feira pasou recoller a planta que regalabamos”.

Outro indicador de que a feira tivo máis público que outras veces foi a grande cantidade de vehículos aparcados ao carón do recinto, pero tamén ao longo de toda a Avenida Marqués de Figueroa e a un e outro lado da estrada de Ortigueira, repetindo unha imaxe que só se produce pola Feira Rural do mes de agosto. Por outra banda, e a pesar do mal tempo, a xente animouse a pasar por San Sadurniño tamén pola tarde e en maior medida que outras veces. Silvia Caffaro, de Viveros Florgalicia, explicaba que para esta cita o tempo non é algo determinante. “O tempo acompañou ata o mediodía e, coma tódolos anos, tiña que chover. Pero a xente vén igual, choiva, trone…. Á xente non lle pon medo o mal tempo, e incluso está chegando máis agora pola tarde.”

Que o tempo non lle inflúe á Feira da Plantación é algo certo a medias. Leva varios anos cadrando con días de sol e trebóns a partes iguais e sempre lle foi ben. Pero nesta ocasión a feira, mellor dito, as vendas, víronse beneficiadas por un inverno extralongo que fixo cadrar a cita nun momento en que hai que plantar xa, si ou si.

A terra aínda está moi húmida, pero a primavera avanza inexorable e non se pode agardar moito máis, hai que aproveitar calquera día que veña enxoito para poñer morteiros ou para levar á terra as plantas de exterior. “Nótase que por culpa do mal tempo non se puideron facer moitas plantacións e eu creo que iso foi definitivo na feira de hoxe. A xente ten gana de botarse á horta pero ata agora non puido porque estaba todo moi mollado”, comentaba José Horjales, da Casa da Planta. Na mesma liña tamén se pronunciaba José Luís Sanjurjo, un dos habituais das feiras de toda a volta, “buscaban pementos, tomate, cebolo, viñan buscando de todo para a horta. Agora a xente anda apurada, quere comprar porque lle é hora para plantar”.

Canda a planta de flor e de horta, na XXIII Feira da Plantación tamén se podían atopar produtos frescos e transformados. “A nós funcionounos moi ben”, aseguraba Bárbara Rivera, produtora de horta en ecolóxico a través da marca Agronuquel.

O terceiro pé do evento son as árbores e arbustos. Ramiro Martínez, de viveiros O Pomariño, comentaba a primeira hora da tarde que a feira “sempre é de boas vendas” pero que este ano fora “aínda mellor”. No seu posto tiveron boa saída as maceiras, xunto con “moito cítrico e tamén  arandos, que están de moda”. Resultado da XXIII Feira da Plantación: vendedores e vendedoras satisfeitas. “A verdade é que moi ben, a xente este ano quixo comprar máis. Todo tivo saída”, dicía Juan Antonio Dopico, de Hortival.

Alén da planta e da flor, a feira ofreceu máis alicientes: postos de pan, de queixos, de mel, de embutidos, churros, rosquillas, sitio onde xantar un churrasco, onde mercar unha fouciña ou un raño… un expositor onde ver ao vivo a moenda do pementón e outro onde poder contribuír á próxima obra musical do alumnado de primaria do CPI dentro do proxecto LÓVA. Tamén asistiu a asociación ConcienciArte para mostrar xeitos de vida alternativos e sustentables.

Igual que en anteriores edicións, nesta houbo dous sorteos de lotes de produtos doados polos postos e un obradoiro para a xente miúda centrado na elaboración de saquiños aromáticos.

En menos dun mes volveremos ter unha nova cita co sector primario. O domingo 27 de maio os xardíns municipais acollerán o Mercado local nunha data en que coincidirá coa Carreira Popular Concello de San Sadurniño -que percorre o paseo fluvial e a zona da Bidueda- e tamén coa Feira de artesanía e de degustación de carrilleiras de Lamas.

 

Share.