A febre do ouro chega a San Sadurniño

0

Quen nos había dicir que nas augas do Xuvia podiamos atopar ouro* (o do asterisco é para sinalar unha nota a pé de páxina que só poden ler papás e mamás). E, sobre todo, quen había pensar que fose tan doado dar con el. Cousa de nenos, literalmente. Explicámonos. O xeólogo Fran Canosa visitou esta mañá o programa socioeducativo Aldea de verán para explicarlles ás nenas e nenos de que maneira buscaban o ouro as antigas civilizacións. Para iso ofreceu un obradoiro de bateo á beira do Xuvia no que toda a cativería puido aprender a técnica e tamén probar sorte a ver se aparecía algo. E houbo fortuna para todos e todas, que marcharon para a casa con cadansúa pebida de ouro* -outra vez o asterisco- e unha ilusión que non lles cabía no peito.

Fran Canosa explicoulles aos nenos e nenas que para usar a técnica do bateo é necesario unha especie de prato -a batea- no que se deposita area, peneirada previamente para quitar pedras e outros materiais que poidan estorbar na pescuda. Logo hai que botar auga na batea e facer movementos circulares suaves para propiciar que as partículas de ouro -máis pesadas-  decanten nun lado e que a area e maila terra queden no outro.

O bateo é unha práctica milenaria. Canosa conta que xa a utilizaba a civilización romana, que a tería aprendido á súa vez das tribos celtas, aínda que non como un sistema extractivo, senón como un xeito de facer prospeccións coas que detectar xacementos principais. Igualiño que en Discovery Max, vaia.

“Para atopar ouro o que hai que facer é dar cun río que tivese un filón no seu nacemento ou preto do seu nacemento. Co paso do tempo a auga foi arrancando o metal e arrastrándoo ao longo do seu curso, creando depósitos en puntos concretos”, explica Fran Canosa. Eses depósitos con maiores concentracións poden estar en cauces antigos ou actuais e, que se saiba, no Xuvia non hai ouro… alomenos en cantidades que fagan rendible dalgunha maneira perde-lo tempo mollando os pés.

Por esa razón, Francisco Canosa trouxo sacos de area procedentes da antiga mina de Espiñeira, na desembocadura do Masma -entre Foz e Barreiros-, de onde xa os romanos extraían ouro.  O xeólogo tamén traía canda si un pequeno tubo semellante aos das mostras de perfume no que se podían ver minúsculas lascas de ouro de 24 kilates. Eran 14 miligramos para os que Canosa bateou á man arredor de 200 quilos de area. Horas de traballo para uns ridículos 48 céntimos de euro, segundo o prezo medio de hoxe mesmo.

Esta area chegada da Mariña luguesa foi a que peneiraron e batearon os 45 nenos e nenas da Aldea de verán. E mirade vós que sorte, todos e todas atoparon alomenos unha pebida  de ouro* que levar para a casa. Entre berros de sorpresa e ollos abertos coma pratos, todas e todos foron buscadores cun éxito testemuñado pola TVG, que acudiu a San Sadurniño para cubrir a febre do ouro* infantil a través do programa A Revista.

Actividades do arboreto
A Televisión de Galicia conectou ao vivo dúas veces co Pozo dos Donceis, lugar elixido para levar a cabo o obradoiro de bateo. As dúas conexións televisivas tiveron como protagonista a busca do ouro, pero tamén se falou do propio arboreto e da Deusa Navia, situada a escasos metros de alí.

Este ano o eixo principal do programa socioeducativo Aldea de verán é o descubrimento da natureza a través das sensacións e os sentimentos: admirar as árbores, tocar a herba, choupar na auga, sentir o son do río, o fresco da area e das pedras nos pés… Así, mentres que un grupo buscaba ouro anicado na ribeira, os outros dous atendían as explicacións das monitoras e do técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, ao respecto do arboreto de especies autóctonas.

O arboreto da Cortiña é unha colección especies vexetais do país distribuídas de tal maneira que representan os sete tipos de bosque que hai en Galicia. Desde hai uns días está presidida pola figura da Deusa Navia esculpida por Carlos García. “É a primeira representación que se fai desta deusa galaica precristiá en 2.000 anos”, asegurou Ignacio Fernández aludindo ao feito de que todas as imaxes de Navia -ou Nabia- pertencen a vestixios prehistóricos deixados na pedra polos nosos ancestros.

Segundo a historiografía, a deusa asociada á auga e portadora das almas ao outro lado do Alén foi asimilada polo cristianismo co nome de Santa Mariña. Precisamente será ese día, o de Santa Mariña –o martes 18 de xullo-, cando se inaugure oficialmente a escultura de García. Será nun acto previsto para as 20.00h. ao pé da propia imaxe de Navia. Asistirán o artista, representantes da corporación, o profesor Manolo González e o investigador Rafael Quintía, gañador do premio Ramón Piñeiro do ano pasado cun ensaio titulado “Nabia: de deusa a santa”. Ao remate do acto haberá unha actuación musical e petiscos para as persoas asistentes.

A ocasión tamén se aproveitará para presentar a idea do Concello de converter o paseo fluvial nunha especie de Olimpo galaico no que estean representadas todas as deidades anteriores á romanización das que exista constancia histórica e arqueolóxica. Prevese que o proxecto se desenvolva en varios anos encargándolle  cadansúa interpretación dos deuses e deusas a artistas de Galicia para, posteriormente, ir colocándoas en distintos puntos da ribeira do Xuvia.

(*) Sobre o “ouro” é obrigado comentar que, efectivamente, todos os nenos e nenas levaron unha pebida para a casa, pero non do que eles e elas pensaban, senón de bronce. Este metal é case idéntico a simple vista, e máis aínda no medio da auga, da area e da lama. Para manter a atención dos nenos e nenas  -e tamén a súa ilusión-  fíxose a pequena trampa de botarlles un gran de bronce na batea sen que se decatasen para que puidesen atopalo. Porén, tamén hai que dicir que durante o bateo do material procedente do Masma si apareceron algunhas motas de ouro que á cativería lle pasaron desapercibidas pero que Fran Canosa soubo ver ao momento para mostrárllelas. Queda dito. Por se alguén ten a tentación de ir coller unha reuma ao Xuvia en vez do ansiado ouro.

Share.