A experiencia de Nutre en Bio pecha o Outono Agroecolóxico

0

A Asociación agroecolóxica A Cortiña organizou nas últimas semanas varios encontros sectoriais relacionados coa produción e a comercialización sustentable de alimentos. A través de charlas ofrecidas por empresas e entidades que traballan neste ámbito, tanto a asociación como o Concello -que colaborou no programa- buscan mostrar experiencias de éxito que ben se poderían aplicar no noso territorio. A próxima e última sesión desta serie terá lugar na Casa da Xuventude o domingo pola mañá -11.00h.- e virá como convidada a Cooperativa Nutre en Bio, especializada no cultivo e venda de produtos ecolóxicos “directamente da horta á mesa”.

Acurtar os circuítos de comercialización dos produtos é unha das tendencias que están collendo máis forza ultimamente dentro do mercado alimentario. Tras décadas confiándolle o que comemos ás grandes cadeas de distribución -que seguen sendo predominantes- pouco a pouco van abrindo camiño nas cidades e vilas os puntos de venda que apostan por un xénero de calidade que veña avalado, ademais, pola sustentabilidade ambiental e social.

Para iso abastécense ata onde poden en explotacións do seu entorno ou que lles quedan relativamente preto. Delas saen os produtos denominados “de quilómetro cero”, que son a base dunha relación máis próxima entre quen os cultiva -ou cría- e quen os consume, e canto máis curto é ese camiño, maiores garantías dun prezo xusto para ambos e de que o valor engadido quede na comarca.

Nutre en Bío é o que está facendo nas zonas pontevedresas do Baixo Miño, do Condado e a Paradanta. Alí, varios produtores e produtoras  agrupáronse para darlle saída directamente aos seus artigos de dúas maneiras: por medio dun servizo a domicilio que atende as peticións de froita e horta de temporada recollida no seu mellor momento e, por outro lado, cun punto de venda propio no Mercado do Progreso, xusto no centro de Vigo.

Representantes desta cooperativa estarán o domingo en San Sadurniño –Casa da Xuventude, 11.00h.–  para contar como está funcionando esta experiencia, na que se optou por non forzar os ciclos produtivos e polo equilibrio da biodiversidade co fin último de obter a calidade óptima que busca a clientela.

A charla irá seguida ás 12.30h. doutra sesión para coñecer o traballo da Asociación Agroecolóxica A Estruga, que tamén centra a súa actividade na mellora da comercialización e na apertura de novos mercados. Nese caso intervirá o seu presidente, Marcos Besada, convidado pola Asociación Galega de Froita Autóctona.

Deste xeito finalizará o calendario de xornadas promovido pola Asociación A Cortiña dentro do “Outono Agroecolóxico”. As anteriores charlas estiveron ocupadas polas experiencias de Trasdeza Natur, da Finca das Fadegas -pioneira no cultivo ecolóxico en Galicia- e pola da Asociación Galega de Custodia do Territorio. Igual que estas, as dúas sesións do domingo tamén son gratuítas e con entrada libre.

Share.