A EIM A Rolada recibe 24 solicitudes de admisión

0

O Concello concluíu hai uns días o procedemento de admisións na Escola Infantil Municipal A Rolada para o que se recibiron un total de 24 peticións, na súa maioría para as unidades de 1 a 2 anos e de 2 a 3. O centro, que aínda disporía doutras 14 vacantes nas distintas aulas, confírmase como servizo de referencia para a conciliación familiar tanto dentro como fóra de San Sadurniño, posto que se rexistraron solicitudes procedentes das Somozas, Moeche, Narón, Neda, Cerdido e mesmo de Ortigueira. O Concello publicará en breve a lista provisional de admisións xunto cos requirimentos de emendas ou de documentación que falte. Posteriormente publicarase a listaxe definitiva e comunicaráselles a adxudicación da praza que, por segundo ano consecutivo, será gratuíta para todas elas. Ademais, as vacantes dispoñibles poderán solicitarse a partir de agora en calquera momento ata completar a capacidade de atención da escola.

A Rolada dispón dun total de 38 prazas: 8 na aula inicial de 3 meses a 1 ano de idade, 13 para idades comprendidas entre 1 e 2 anos e 17 na etapa final de 2 a 3 anos. O concello abriu na primeira quincena de marzo o prazo de reservas para aquelas familias que xa tivesen nenas ou nenos matriculados no centro e posteriormente, do 16 ao 31, estivo aberto o período para novas incorporacións.

Neste sentido, en canto á reserva de prazas, rexistráronse 15 solicitudes, das cales 4 foron para a aula de 1 a 2 anos e outras 11 para a de 2 a 3. No tocante a novas incorporacións presentouse unha única petición de ingreso na etapa de 0 a 1 ano, 4 na de 1 a 2 anos e outras 4 na correspondente á de 2 a 3 anos, o que fai un total de 24 solicitudes admitidas.

Quedarían, polo tanto, un total de 14 vacantes, que se distribúen do seguinte xeito: 7 na aula de 0 a 1 ano, outras 5 prazas na aula de 1 a 2 e só 2 no curso de 2 a 3 anos, previo ao paso das nenas e nenos para o “cole de maiores”.

Unha vez finalizados os dous períodos de reserva e novas incorporacións, os servizos municipais están revisando toda a documentación presentada de cara a elaborar a lista provisional de admisións. “Se falta algún papel ou hai algún dato erróneo, indicarase na lista provisional e tamén contactaremos coas familias para solventalo”, apunta Pilar Calvo, encargada de supervisar a tramitación. “Ademais, despois publicarase a lista definitiva e comunicarémoslle ás familias a adxudicación da praza. Por agora non teñen que facer nada, neste momento o traballo depende de nós e non é necesario que chamen ao Concello. Poden ter a tranquilidade de que as súas nenas e nenos van ter praza no curso 2023-24”, engade Calvo.

As familias disporán dun prazo de quince días despois de que lles notifiquen a adxudicación para formalizaren a matrícula, que é gratuíta para o servizo de conciliación (non así os servizos complementarios como é o caso do comedor). Ademais, en cumprimento da orde autonómica de gratuidade, a Xunta subvenciona unha parte do mantemento e dos servizos educativos, mentres que o Concello asume a outra parte para garantir que a atención sexa realmente de balde para as familias.

Todas aquelas familias que desexen optar a algunha das 14 vacantes dispoñibles trala primeira adxudicación -ou as que queden ao remate do período de matrícula- poderán solicitala sen necesidade de baremacións nin esperas, posto que se irán asignando por orde de rexistro ata completar a capacidade do centro. Toda a información e o acceso ao procedemento atópanse nas seguintes ligazóns:

Documentación 
Acceso ao procedemento na Sede Electrónica (só para quen desexe facer a solicitude en liña con certificado dixital ou descargar os impresos)
Modelo de solicitude de praza
Regulamento de funcionamento
Ordenanza fiscal

 

Share.