A EIM “A Rolada” abre as solicitudes de novas incorporacións ofrecendo 27 prazas libres

0

O pasado 16 de marzo rematou o periodo de solicitude de reserva de praza na Escola Infantil Municipal A Rolada para aquelas familias que teñen crianzas matriculadas no centro pero que van cambiar de aula no curso que vén. Ao peche dese prazo, o Concello rexistrou un total de 11 peticións, nove para nenas e nenos que pasarán á unidade de 2 a 3 anos e dúas para meniños que cambiarán tralo verán á aula de 1 a 2 anos. Así as cousas, o centro dispón para novo ingreso dun total de 27 prazas, que poden solicitarse ata o día 31 de marzo preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello de San Sadurniño.

A EIM A Rolada ten capacidade para atender 38 nenas e nenos coa seguinte distribución por cursos:  8 prazas para nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 prazas para criaturas de un a dous e 17 para a cativería de entre dous e tres anos.

Estas prazas ocúpanse en dúas quendas de solicitude, a primeira para familias con rapazada xa matriculada, que finalizou o pasado 16 de marzo, e a segunda, aberta até o día 31, para a incorporación de novo alumnado en calquera dos tres cursos na medida en que haxa vacantes trala reserva.

De acordo coas solicitudes presentadas no primeiro período -19 en total-, a escola infantil disporá  de 27 prazas de nova incorporación:  8 na unidade de 0 a 1 ano11 prazas na unidade de 1 a 2 anos e  8 prazas na aula de 2 a 3 anos.

A Escola Infantil Municipal A Rolada presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá ou media xornada de tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención, condicionadas neste momento ás medidas preventivas adoptadas no centro por mor da pandemia.

As tarifas vixentes para os servizos que presta a EIM -aplicables tanto a reservas como a novos ingresos- son as seguintes, aínda que cómpre ter en conta que desde o pasado mes de setembro é de aplicación a bonificación do 100% da taxa por atención educativa a partir do segundo fillo/a decretada pola Xunta de Galicia:

Concepto Cota vixente
Matrícula (anual)

21,26 €

Mensualidade a xornada completa (8h.)

207,26 €

Mensualidade a media xornada (4h.)

124,36 €

Xornada de 2 horas

74,40 €

Hora complementaria (prezo mensual)

21,26 €

Hora extraordinaria (prezo diario)

3,72 €

Comedor mensual para almorzo

26,57 €

Comedor mensual para xantar

82,90 €

Comedor mensual para merenda

26,57 €

Comedor en día solto

4,25 €

Para obter máis información sobre os servizos da escola ou sobre o procedemento de nova incorporación débese solicitar cita previa no propio centro -981 490 369-, onde  facilitarán toda a documentación e solventarán calquera dúbida, preferentemente por vía telefónica. As consultas tamén se lle poden facer á Educadora Familiar, solicitando igualmente cita previa no 981 490 027 ext1.

Unha vez cubertas as solicitudes haberá que rexistralas no Concello, ben de forma presencial ou ben a través da Sede Electrónica municipal, onde tamén se atopan todos os formularios e as correspondentes instrucións para a súa tramitación telemática. Este último medio será o preferente para facer o trámite.

Modelo de solicitude de praza (pdf)
Ordenanza das taxas (pdf)
Regulamento da EIM (pdf)

Share.