A Educación Física botarase á rúa o 25 de abril

0

Non é ximnasia nin “ginasia”, é Educación Física. O que fai a rapazada na escola denomínase así e é unha asignatura tan importante coma calquera outra do currículo. Considerada durante moito tempo como unha materia de aprobado seguro -unha “maría”-, hoxe a cousa cambiou, gracias a profesorado altamente especializado e esixente que, unha vez no ano desde hai oito, sae cos rapaces e rapazas á rúa para mostrar ata que punto é importante a Educación Física no desenvolvemento integral do alumnado. O Día da Educación Física na Rúa celébrase simultaneamente en todo o Estado o 25 de abril. En Galicia hai a día de hoxe 42 centros participantes -máis de 5.600 nenas e nenos- e o CPI de San Sadurniño é un deles. Deste xeito, a cativería encherá na mañá do mércores a praza do antigo Concello, a campa de xogos dos xardíns municipais e parte da Avenida Marqués de Figueroa, que permanecerá cortada ao tráfico e o estacionamento das 11.30 ás 14.30h. desde a Casa da Cultura ata a entrada do colexio.

O Día da Educación Física na Rúa está promovido en Galicia polo COLEF-CAFDG (Colexio Oficial de persoas Licenciadas en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia) coa finalidade principal de visibilizar unha parte do traballo que fan as profesoras e profesores desta materia.

As actividades propiamente ditas desenvolveranse entre as 12.30 e as 13.30h. repartidas por eses tres emprazamentos e nelas tamén poderá participar calquera persoa. Terá moito onde elixir e moito que compartir coa rapazada: baile, ximnasia rítmica, parkour, lombas, zapatiño quedo é, volei, zancos, acrosport, a comba, carrilanas, chave, brilé, aro… postas en marcha polo profesorado do centro de ensino en colaboración co Concello, o club Brío Danza e Rítmica, o Club Voleibol Aldebarán e a Asociación de Amigos da Chave de Ferrolterra.

Desde unha hora antes e ata unha hora despois do evento interromperase o tráfico e o estacionamento no tramo da avenida Marqués de Figueroa comprendido entre a esquina da Casa da Cultura e o portalón do centro de ensino. Por este motivo, para chegar á zona do Campo da Feira desde a estrada de Ortigueira aconséllase coller a pista do Enxerto, o mesmo que se se vén desde o Fabal e se quere acceder, por exemplo, ao Centro de Saúde.

Para os vehículos procedentes de Santa Mariña que queiran vir á Casa do Concello ou o centro médico recoméndase desviarse xa na Portela e vir pola estrada de Pedroso. Desde a área de Servizos informan de que se sinalizará a zona antes do mércores e que se conta coa colaboración da Garda Civil para regular o tráfico no tempo que dure a actividade.

 

Share.