A Deputación pon en marcha dous programas para impulsar o emprego xuvenil no rural

0

O Boletín Oficial da Provincia publicou este martes a convocatoria de dúas liñas de axuda cofinanciadas polo Fondo Social Europeo coas que se tenta, por unha banda, fomentar a contratación de mocidade por parte de empresas do rural e, por outra, alentar o emprendemento xuvenil naqueles municipios con poboación inferior a 5.000 habitantes ou menores de 10.000 que sufran un saldo demográfico negativo. O montante total destas convocatorias ascende a 1 millón de euros e delas poderán beneficiarse persoas de ata 30 anos. O prazo para solicitalas empezará a contar no momento en que ambos programas saian publicados na Base Nacional de Subvencións, do que se dará conta a través das canles informativas da Deputación da Coruña. Por outra banda, hoxe mesmo o IGAPE tamén sacou no DOG unha liña para o emprendemento que poderá tramitarse desde este sábado 9 até o día 22 de febreiro.

O ente provincial busca a través destas liñas a creación de novas empresas, o fomento do autoemprego e a creación de postos de traballo estables e de calidade para a mocidade menor de 30 anos que viva nos municipios máis pequenos da provincia. Neste sentido, segundo informa a Deputación, os programas PEL- Relevo e PEL-Rurinnova teñen como obxectivo “loitar contra o declive demográfico nas áreas rurais” e tamén asegurar que a mocidade desas zonas “poida desenvolver a súa vida profesional nelas, ter un futuro nas súas localidades e así garantir o relevo xeracional”.

A liña de axudas PEL-Relevo, que conta cun orzamento total de 498.000 euros, permitirá subvencionar a contratación de 80 mozas e mozos  de entre 16 e 29 anos por parte de empresas, microempresas e persoas autónomas dos municipios aos que se dirixe o programa.

As axudas estarán limitadas a aquelas que realicen contratacións indefinidas a tempo completo. A mocidade contratada deberá estar inscrita previamente no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e estar empadroada nun dos 64 municipios da provincia -entre eles San Sadurniño- que cumpran co requisito de ter unha poboación menor de 5.000 habitantes ou estar entre 5.001 e 10.000 pero cun saldo demográfico negativo.

Cada empresa poderá efectuar a solicitude de subvención para contratar entre unha e ata cinco persoas mozas traballadoras distintas. O período mínimo que se subvencionará será de 6 meses e poderán acollerese contratos que cumpran os requisitos efectuados entre o 1 de abril de 2019 e ata tres meses despois de que se publique a concesión das subvencións.

A través de PEL-Relevo búscase o relevo xeracional dos cadros de persoal das empresas e proporcionar unha experiencia laboral e a adquisición de novas competencias á mocidade.

Por outro lado, a liña PEL-Rurinnova destinará 554.400 euros para o fomento do autoemprego e a creación de empresas a través de accións dirixidas ao desenvolvemento de iniciativas empresariais por parte da mocidade menor de 30 anos.

Daráselle prioridade de acceso a esta liña de axudas aos proxectos que potencien a economía verde, azul ou circular e conten con medidas de desenvolvemento sostible. Igual que no anterior programa, neste caso as persoas promotoras dos proxectos deberán ser menores de 30 anos e estar anotadas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. O que se subvencionará é a incorporación ao Rexime Especial de persoas Autónomas (RETA), xa sexa como persoa física ou como persoa xurídica, a través da creación dunha nova iniciativa empresarial. A contía que se outorgará calcularase multiplicando o salario mínimo interporfesional por 0,75 e o número de meses en que a persoa estea de alta. En calquera caso o mínimo temporal subvencionable son 6 meses e o máximo 12. No caso de persoas xurídicas a achega poderá ser, como tope, de 3 altas no RETA.

Tanto o PEL-Relevo como o PEL-Rurinnova son compatibles con outras axudas, aínda que cómpre ter en conta que se conceden co criterio “de mínimis” da Unión Europea, é dicir, cun tope acumulado dependendo da actividade se xa se recibiron axudas cofinanciadas con fondos comunitarios. Eses límites son, con carácter xeral, 200.000 euros nos últimos tres exercicios fiscais. Se se trata de empresas de transporte de mercadorías por estrada as axudas de mínimis non poderán sobrepasar os 100.000 euros, unha cantidade total que baixa aos 30.000 no caso da acuicultura e a pesca e a 20.000 se a solicitante é unha empresa agrícola.

As solicitudes -cando se abra o prazo- deberán facerse a través da Sede Electrónica da Deputación da Coruña.

Convocatoria do IGAPE para proxectos de emprendemento
Ademais destas dúas convocatorias provinciais, o IGAPE tamén sacou hoxe mesmo pola súa banda as bases para subvencionar os proxectos de emprendemento que vaian botar a andar ou que teñan menos de 42 meses de antigüidade na súa actividade.

Financiaranse investimentos e gastos asociados á creación ou ampliación do negocio -persoal de nova contratación, alugueiros, servizos externos, etc.- que, en calquera caso, ten que ser viable técnica e economicamente e ser un proxecto completo: “debe dar como resultado a posta en marcha da actividade ou a súa ampliación, non se subvencionarán as fases de proxectos que non sexan completas nestes termos”, precisan as bases.

A axuda poderá chegar ao 80% dos custos subvencionables e ata un máximo de 400.000 euros. Iso si, esta convocatoria non será compatible con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos e gastos. O crédito dispoñible é de 500.000 euros para o ano 2021 e de 4.500.000 para 2022. Poden solicitarse desde este sábado 9 de xaneiro até o 22 de febreiro a través da Sede Electrónica da Xunta.

Para obter información sobre estas e outras axudas pódese contactar co técnico de Desenvolvemento local a través do teléfono 981 490 027 ou enviándolle un correo a ignacio.fernandez@sansadurnino.gal. Solventaranos calquera dúbida que teñamos e mesmo nos orientará para presentar a solicitude.

Share.