A Deputación engade dous cursos de socorrismo ao Plan de Emprego Local

0

A Deputación provincial vén convocar, no marco do Plan de Emprego Local, a realización de dous cursos para acceder aos certificados de profesionalidade no Programa de Salvamento e Socorrismo Acuático tanto en espazos naturais -praias costeiras e fluviais- como en piscinas e outras instalacións. No primeiro caso trátase dunha acción formativa de 420 horas -340 teóricas e 80 prácticas- e no segundo a duración será de 210 horas, das que 130 son teoría e 80 de prácticas. O ente provincial sinala que só se admitirán 6 solicitudes de inscrición por municipio que, ademais, deberán superar posteriormente unha proba física para poder acceder a calquera dos dous cursos. As peticións poden presentarse no Concello até o día 4 de febreiro.

A formación teórico-práctica realizarase no Centro de Formación da Cruz Vermella na cidade da Coruña e as prácticas profesionais non laborais en praias de concellos da provincia. Primeiro desenvolverase a formación en espazos naturais con data de inicio prevista para mediados de febreiro e logo da tempada de praias, previsiblemente a finais de setembro, desenvolverase a formación en instalacións acuáticas.

Debido ás especiais características do curso e á necesidade de realizar probas físicas no caso de un número elevado de inscricións, só se admitirá un máximo de 6 inscricións por cada municipio da provincia. Esas probas consistirán en nadar 200 metros nun máximo de 4 minutos 15 segundos e e nunha apnea sen impulso de 20 metros. Tamén será necesario superar unha entrevista persoal e cumprir o resto de requisitos que figuran na convocatoria.

Este curso está dirixido a persoas menores de 30 anos, desempregadas, inscritas na Oficina de Emprego, rexistradas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, e que estean empadroadas nalgún dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.

Obter os certificados de profesionalidade nestes dous ámbitos ofrece posibilidades de emprego estacional durante o verán, pero tamén ao longo de todo o ano cando se trata de piscinas cubertas que funcionan de maneira ininterrompida. Ademais, este tipo de formación tamén é puntuable en procesos selectivos como o de acceso a corpos de Bombeiros e outros.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude -formulario de inscrición e informe médico-, como moi tarde, o xoves 4 de febreiro.

Formulario de solicitude (.doc)
Folla informativa (.doc)

 

Share.