A Deputación confirma a execución do Plan Complementario máis 50.000 euros para novos proxectos

0

A principal achega económica xestionada pola Deputación da Coruña para os concellos da provincia é o chamado Plan Único de Concellos POS+. O programa financieiro estrutúrase en tres apartados: o tradicional POS, centrado en obra pública, o PAI, que vén sendo unha liña de crédito para investimentos economicamente sostibles ou gasto público, e o chamado Plan Complementario. Os dous primeiros son fixos, cunha distribución que se acorda a finais de cada anualidade para ser aplicada na seguinte polos municipios solicitantes. Porén, o terceiro é un apartado que se nutre de remanentes e, polo tanto, trátase dunha previsión que pode cumprirse ou non dependendo dos cartos que o erario provincial poida destinar. Mesmo pode ampliarse, como ocorre neste 2019, con máis dotación a través do chamado Plan Adicional, que suplementará os 276.000 euros iniciais do Plan Complementario con outros 50.000 a maiores para executar proxectos que se deberán definir antes de setembro. A Deputación comunicou hai escasos días a dispoñibilidade de fondos, o que supón darlle luz verde aos proxectos deseñados a finais de 2018 polo Concello, catro deles para a rede viaria e un quinto para a construción do salón polivalente ao carón do local social de Lamas. 

Unha vez que xa hai constancia do financiamento, o Concello pode comezar a licitar as obras que se incluíran no documento aprobado en pleno o pasado mes de decembro. Daquela déuselle o visto e prace a unha relación de obras viarias por valor de 245.000 euros. Cartos que se dedicarán á pavimentación dos camiños de Sabanda á Pena, un acceso no Colado e o camiño do Espiñeiro, en Santa Mariña do Monte; á reparación das pistas desde Vilafiúnce até a estrada de Pedroso e desde Piñeiros ata o límite con Narón, en San Sadurniño; á renovación do firme entre O Pico e Campolabrado -en Naraío– e entre a Ermida e os Miguelares –Igrexafeita-; ao arranxo da pista que une Cadavás coa estrada provincial e a que vai ao Pico de Ferreira -ambas en Ferreira– e, por último, á reparación en Santa Mariña e Bardaos dos camiños de Castrelo-Cabanela-A Veiga e o que comunica o núcleo da Bañoca con Moeche, obra esta última que o concello veciño completará polo seu lado.

Por outra banda, no pleno de decembro tamén se ratificaron os  proxectos previstos para o denominado Plan Complementario que agora acaba de obter consignación orzamentaria. Son catro actuacións por valor de 276.500 euros, tres delas referidas a pavimentación de estradas municipais: desde A Chabola ata Amido, en Ferreira e Igrexafeita; do Cando ao Castro, tamén en Igrexafeita, e o amaño das pistas do Freixo á Vila e máis a dos Foxos, en Naraío.
A cuarta actuación do Plan Complementario é, se cadra, unha das de maior trascendencia social e a única que non se refire ao mantemento viario.  Trátase de facer unha ampliación no local veciñal de Lamas que veña corrixir os problemas de accesibilidade e usabilidade do actual inmoble, concibido no seu día cunha estrutura de dous andares máis propia dunha vivenda que dun local social.

O Concello levaba tempo falando coa veciñanza da parroquia sobre como remodelar o local do Chao de Lamas para que se axeitase mellor ás actividades que alí se organizan. A conclusión á que se chegou foi a de aproveitar parte da parcela para construír un salón polivalente anexo ao edificio principal. As instalacións estarán comunicadas co andar inferior do local social e suporán un incremento próximo aos 130 m² de superficie útil, incluído un escenario de algo máis de 36 m². Os planos mostran unha edificación de planta baixa con grandes fiestras e unha porta de acceso independente, xunto con rampas de acceso para persoas con mobilidade reducida.

O prezo de licitación da obra aproxímase aos 112.000 euros e a Administración Local iniciará nos próximos días os expedientes de contratación tanto do novo local como do resto das obras que se incluíran na definición do Plan Complementario.

Cómpre ter en conta, ademais, que a Deputación da Coruña ampliou en 50.000 euros as achegas para San Sadurniño que se prevían en decembro. Esta contía encádrase no denominado Plan Adicional, para o que cumprirá redactar un ou varios proxectos que, ao igual que os outros programas provinciais, terán que ser aprobados en pleno, neste caso antes do mes de setembro. Por este motivo, esa será unha das primeiras decisións de carácter executivo que deberá adoptar a nova corporación que se constitúa despois das eleccións do 26 de maio.

Share.