A Deputación achegará 240.000€ para a rehabilitación da escola de Igrexafeita como centro sociocomunitario

0

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e máis o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, asinaron o venres o convenio nominativo mediante o cal o ente provincial achegará 239.88,55 euros para a rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita como centro sociocomunitario. A obra -cuxo contrato está en fase de licitación- está orzamentada en cerca de 248.000 euros máis IVE, de maneira que a achega da Deputación cubrirá o 80% do investimento, mentres que o Concello asumirá con recursos propios o 20% restante xunto cos impostos. O edificio encóntrase no núcleo da Torre e leva sen uso desde mediados dos anos 90. Agora o Concello ten intención de renovar completamente as instalacións para acoller aquelas actividades que queira organizar a veciñanza ou as que se programen para ela, pero tamén ser centro de referencia comarcal en canto á prevención e atención do deterioramento cognitivo.

O acordo suscrito coa Deputación establece que a achega se fará efectiva nun 40% no momento en que comecen as obras e o 60% restante á súa entrega ao Concello por parte da adxudicataria dos traballos. Neste sentido, o procedemento de contratación encóntrase publicado desde hai uns días na Plataforma de Contratación co Sector Público, dándolle de prazo ás empresas interesadas até as 23:59h do próximo 18 de agosto para que acheguen por vía electrónica as súas propostas técnicas e económicas.

O prezo base da licitación está cuantificado en 299.850,69€, IVE incluído, e xunto co prezo final ofertado tamén se valorarán aspectos relacionados coa integración laboral e a igualdade, como son o compromiso de contratación de persoas desempregadas, que a empresa conte con Plan de Igualdade, a porcentaxe de mulleres no seu cadro de persoal ou o carácter fixo dos empregos.

O inmoble, situado no lugar da Torre, en Igrexafeita, deixou de funcionar como escola hai xa 30 anos. A principios dos 90 saíron de alí os últimos nenos e nenas da parroquia que mantiñan activo o grupo escolar, que logo sería empregado durante algún tempo pola A.VV. Adiante como local de reunión e espazo de distintas actividades. Porén, cando a asociación veciñal mercou e rehabilitou a antiga casa reitoral da parroquia, a vella escola da Torre ficou abandonada.

Trátase dunha edificación de 250 metros cadrados divididos en dous andares. No baixo hai na actualidade dúas grandes aulas, mentres que no superior se encontraban as dúas vivendas para o profesorado.

O proxecto deseñado pola arquitecta municipal, Montserrat Ruíz, describe unhas obras de rehabilitación integral co obxectivo de axeitar a escola a un uso sociocomunitario. Os traballos non modificarán a estrutura e consistirán na mellora da envolvente e das fiestras para acadar mellores condicións de illamento térmico, ademais de renovar o interior co obxectivo de que tamén teña boas condicións de illamento sonoro e de habitabilidade.

Ademais o edificio mellorará en accesibilidade coa instalación dunha rampa lateral e dun ascensor cuxo corpo irá polo exterior da fachada para non comer espazo interior nin tampouco deixar inutilizado o xa de por si reducido oco da escaleira.

Por outra banda tamén se pretende que as instalacións sexan da máxima eficiencia enerxética, algo que se conseguirá combinando o illamento cunha calefacción por aerotermia e con iluminación led. O pintado, o cambio das carpintarías e a instalación de falsos teitos completan a relación de obras do proxecto.

O alcalde, Secundino García, comentou trala sinatura do convenio coa Deputación que a rehabilitación da escola ten como finalidade “recuperar para o uso público” un edificio que, tan pronto como rematen as obras, se dedicará “ás actividades anuais que se programan para a veciñanza da parroquia, como son a ximnasia de mantemento ou os obradoiros de memoria activa, ademais de estar aberto para outros eventos que a asociación Adiante de Igrexafeita ou calquera outro colectivo queira organizar nos seus espazos”. García engadiu que a renovación do inmoble “garantirá a accesibilidade, maior superficie útil e estancias máis cómodas para charlas, manualidades, exercicio físico e calquera outra cousa que se poida facer alí”.

Centro de referencia sobre o alzhéimer e os procesos de deterioramento cognitivo
O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, puxo esta iniciativa municipal como “exemplo do compromiso decidido coa mellora da calidade de vida das veciñas e veciños, en especial tratándose dunha zona rural onde sempre é necesario facer unha discriminación positiva para incrementar todos os servizos que se lle poidan prestar. A Deputación de Coruña sempre apoiará estas iniciativas na medida das súas posibilidades, sobre todo se teñen un carácter innovador e eminentemente social, coma neste caso en que se pretenden promover servizos especializados relacionados co alzhéimer que habitualmente só están presentes nas áreas urbanas pero non nos pequenos concellos”.

Neste sentido, Secundino García recordou que Concello de San Sadurniño leva tempo en conversas con AFAL Ferrolterra co obxectivo de reforzar no municipio a atención a persoas con alzhéimer xunto co apoio ás súas familias, ademais de manter unha programación estable e especializada de obradoiros que axuden a detectar e ralentizar no posible outros procesos de deterioramento cognitivo.

As instalacións de Igrexafeita buscan converterse en “espazo de referencia para San Sadurniño e tamén para outros municipios da zona, rurais coma o noso, onde non existen opcións especializadas deste tipo”, explica Secundino García, engadindo que AFAL Ferrolterra e o consistorio pretenden “ampliar a carteira de servizos de benestar -complementando o labor do Centro de Día e do SAF- con actividades dirixidas principalmente ás persoas que están nas primeiras fases do deterioramento pero que aínda teñen certo grao de autonomía. Tamén queremos facilitarlles ás familias apoio especializado, información sobre como abordar a enfermidade e un tempo de respiro moi necesario para as persoas coidadoras, que son maioritariamente mulleres”.

Como primeiro paso nese camiño, AFAL Ferrolterra encargarase dos obradoiros de Memoria Activa para persoas maiores de 55 anos que se desenvolverán a partir de outubro nas distintas parroquias de San Sadurniño onde se formen grupos. O prazo de inscrición inicial está aberto ata o 30 de setembro a través do correo pilar.calvo@sansadurnino.gal ou do teléfono 981 490 027 ext.1.

A entidade proporá exercicios moi sinxelos para manter esperta a mente, previndo desta maneira as perdas de memoria e anticipando a detección de calquera proceso de deterioramento cognitivo, ás veces acelerados pola soidade ou a falla de tempo compartido con outras persoas.

Detalle dos planos deseñados pola arquitecta municipal, Montserrat Ruíz

Detalle dos planos deseñados pola arquitecta municipal, Montserrat Ruíz

Share.