A Cortiña trae este venres a San Sadurniño a un dos maiores expertos en pastos do Estado

0

Eloi Villada Legaspi é un técnico e investigador que leva anos facendo apostolado dun aproveitamento sostible do chan para a alimentación gandeira. É presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, unha entidade nacida o ano pasado para tentar poñerlle freo á perda de superficie agraria útil que sofre Galicia polo despoboamento rural e o avance do monte. De aí que entre as súas actividades estea a promoción de sistemas alternativos de pastoreo que toman todo o bo do manexo tradicional e lle incorporan os últimos avances e coñecementos. Villada estará este venres ás 17.00h. na Casa da Xuventude para ofrecer unha charla centrada na recuperación do monte como lugar de mantenza do gando. A charla está organizada pola Asociación Agroecolóxica A Cortiña que, ademais, preparou para a segunda parte da tarde unha conferencia sobre a mazá ecolóxica para sidra.

En Galicia só se destina á agricultura entre un 18 e un 20% do territorio, cando o “normal” sería que o sector primario xestionase entre un 40 e un 50% da superficie do país. Así o aseguraba Eloi Villada nunha entrevista ao portal labrego na Internet “Campo Galego”, onde tamén explicaba que os obxectivos da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes son o de “fomentar un mellor coñecemento entre os interesados e unha mellor utilización das nosas posibilidades de produción de forraxes, tanto de cultivos (millo, xirasol, ferrañas,nabos, coles..etc) como de superficies adicadas a pradeiras, tanto permanentes como temporais e sobre todo no referente á recuperación de terreos abandonados ou indebidamente forestados. Sabemos que hai moita información dispoñible, no CIAM, na universidade e na internet. O que falta é divulgala e popularizala entre técnicos e os responsables e traballadores das granxas. Pretendemos fuxir de ser unha sociedade exclusivamente de especialistas e de técnicos. Queremos popularizar os coñecementos, sensibilizar á xente e sobre todo dotar de mais e mellor información aos produtores de forraxes”.

Neste sentido, Eloi Villada ofrecerá o venres unha charla titulada “Pastos: transformando o monte e aproveitando plantacións forestais”, co obxectivo de mostrar de que maneira o monte pode transformarse en superficie agraria útil, ben a través da recuperación de zonas de matogueira abandonadas ou ben mediante a combinación de ambos usos, o forestal e o gandeiro, a través do silvopastoreo. Cómpre ter en conta, ademais, que mesturar gando e monte é un dos xeitos máis eficaces de loitar contra os incendios.

A charla de Villada deste venres -Casa da Xuventude, 17.00h.- forma parte das actividades de dinamización do medio rural e da agricultura da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, coa que o Concello suscribiu un  convenio de colaboración recentemente. Esta entidade programou outra intervención para inmediatamente despois da de Villada, aínda que neste caso centrada na froita. Tras un breve descanso, sobre as 18.30-19.00h., tomará a palabra Marcos Vázquez, que é técnico agrícola e titular dunha explotación de maciñeiras. Falará sobre a súa experiencia no cultivo de mazá ecolóxica para sidra.

Ambas charlas, a de Vázquez e a de Villada, son abertas ao público en xeral e non se require inscrición previa.

 

Share.