A Cortiña, tamén referente da música no derradeiro domingo de agosto

0

O domingo 28, un día despois da Feira Rural, a finca da Cortiña continuará acollendo actividades de lecer. E é que ese día se celebra o II Sons na Cortiña, un festival que na súa segunda edición contará con entidade propia e cunha programación específica capitalizada pola música e por unha oferta dirixida a público familiar e xuvenil. A cita comezará ás 14.00h. e prolongarase case ata a medianoite con obradoiros e concertos promovidos polo departamento municipal de Mocidade en colaboración coa asociación cultural AC/DZ, Artelladas, a escola multidisciplinar Gazapo, o club Brío e a Deputación da Coruña.

O Sons na Cortiña naceu en 2015 como festival musical para a xente nova e como continuación nocturna da Feira Rural. Porén, este ano o Concello optou por desdobrar os dous eventos na última fin de semana de agosto, de xeito que o Sons pasará ao domingo cunha programación de seu e ampliada arredor do eixo principal da música.

O festival abrirá ás 14.00h. cunha sesión vermú con Milómanos, o grupo formado por Milo Aguiar, Manu Pérez, Julián Martínez e Antón Casal que se move entre temas propios e versións de clásicos do pop, o rock e o blues. Xunto coa música, o público tamén poderá petiscar e mesmo xantar no propio recinto, xa que a organización reservou unha zona food-trucks ou, dito como é, unha área para caravanas e furgóns onde se servirá todo tipo de comida rápida.

A iso das 16.30h. comezarán os obradoiros de grafitos e de elaboración de chapas. Dúas actividades abertas a todo o público pero especialmente pensadas para a infancia e a mocidade que estarán dirixidas por Artelladas e a escola Gazapo, cunha longa traxectoria na dinamización de grupos xuvenís. A esa hora tamén está prevista unha exhibición do club Brío, que mostrará unha das súas últimas montaxes coreográficas, promocionando ao mesmo tempo a rítmica e o baile moderno entre a xente nova de ambos sexos.

A partir das 17.30h. xa se encadearán concertos. O primeiro deles será cousa do grupo Los Plutones e o seu percorrido pola historia do rock para nenos e nenas. A formación coruñesa dará a oportunidade de que a xente miúda descubra temas que seguramente descoñecía mentres lle refresca a memoria á xente adulta. A fórmula elixida polo grupo é a de combinar a música con pequenas historias que fan de fío condutor do concerto e como escusa para a interactuar co seu público.

Tras Los Plutones subirán ao escenario The Lákazans (18.45h.), a banda de Boiro que mira aos ritmos do soul, o blues e o country inspirada en xente como Elvis, Dylan ou Neil Young. Nacida como tal banda en 2011, The Lákazans fan versións de clásicos deses estilos musicais aos que, pouco a pouco, están incorporándolles temas propios.

A Sandford e Familia Caamagno para rematar a xornada
A última parte do día contará con dous pesos pesados da música que se fai en Galicia na actualidade. Os primeiros serán da casa, a Sandford Music Factory. Tras un parón de varios meses retoman a súa actividade case empatando bolos, posto que o venres 26 estarán en Chantada e o domingo 28 no Sons na Cortiña a partir das 20.15h. A última vez que puidemos velos ao vivo en San Sadurniño foi nas festas de Santa Sabela de 2015, onde deixaron ben claras as razóns  polas que son un referente para público e crítica a nivel internacional.

Non negan influencias do rock dos 70, o folk e o punk-rock, pero desde 2005 os seus compoñentes -actualmente Miguel Anxo, Lou, Fernán e Xurxo- foron quen de construír un estilo propio e inconfundible que multiplica a súa potencia cando tocan en directo e que lles permitiu ir concatenando éxitos cos seus tres discos publicados ata o momento: Melted to Oblivion (2008) -cando aínda usaban o nome de Sweet Oblivion Band-, Awen (2011) e Natural Behavior, o seu traballo máis recente.

O último grupo que actuará no Sons na Cortiña (21.45h.) será a Familia Caamagno. Igual que a Sandford, teñen un amplo repertorio propio só que no seu caso é todo en galego, o mesmo que as versións que tamén teñen feito. O seu estilo lévanos directamente ao pop-rock dos 60/70 dos Standells, os Easybeats, The Birds ou The Kinks. Iso si, con letras de aquí e actualizadas. De feito, o seu primeiro disco titulouse “Hai que andar cos tempos!” e agora a banda de Oroso trae a San Sadurniño “Para unha vez que saímos”. Festa, humor e un directo esmagador  para o remate do Sons na Cortiña.

Para seguir toda a actualidade do evento, Mocidade e a produtora CUNDE puxeron en marcha unha páxina en Facebook e tamén a web www.sonsnacortina.gal, onde xa se están publicando desde hai uns días imaxes e outros contidos relacionados co festival.

 

Share.