A Cortiña e o Concello organizan unha viaxe para coñecer experiencias de transformación alimentaria

0

O Concello e maila asociación agroecolóxica A Cortiña teñen suscrito un acordo de colaboración de cara promover a agricultura ecolóxica no municipio, así como o consumo de produtos de proximidade -e de calidade-  e a creación de oportunidades de emprego sustentable vencellado á terra. Dentro deste marco de cooperación, ambas entidades organizan na fin de semana do 7 e o 8 de outubro unha viaxe á provincia de Lugo para visitar varias experiencias de éxito no ámbito da transformación alimentaria. A iniciativa diríxese principalmente a aquelas persoas interesadas na elaboración ou comercialización de produtos da terra como actividade principal ou como xeito de diversificar as súas rendas. Hai 24 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición chamando ao 981 490 027, dándolle prioridade a persoas empadroadas no municipio ou que sexan socias da Cortiña. 

A saída está prevista para as 8.00h. do sábado 7 de outubro de diante da Casa do Concello. A partir de aí comezará un itinerario con primeira parada na contorna de Vilalba, onde se visitará a queixería Don Gabino, pertencente á DO San Simón, xunto coa granxa avícola ECO-Vilalba e a explotación de mel Pingas de Gaia.

Tralo xantar a expedición achegarase a Outeiro de Rei para coñecer a experiencia de selección e cría de abellas raíñas que desenvolve Abella Meiga, unha firma que botou a andar hai tres anos como xeito de autoemprego ligado ao sector primario. A segunda visita da tarde rematará en Arqueixal, en Palas de Rei, como exemplo de desenvolvemento integral que une a agricultura, a gandeiría, o turismo e a transformación alimentaria, principalmente a leiteira.

Ao día seguinte, o domingo 8, a axenda estará ben apretada durante a mañá, xa que hai idea de visitar na zona do Courel unha experiencia de recollida e envasado de castañas para, posteriormente, ir ata Negueira de Muñiz e ver o proceso completo de transformación da mazá en zume que leva a cabo a Cooperativa Ribeira do Navia.

A viaxe ten un custe aproximado de 50€, que corresponden ao que se gaste en xantar e cear, xa que o autobús, as visitas e a pernocta do sábado corren por conta da organización. Para inscribirse é imprescindible chamar ao Concello -981 490 027- e deixar os datos de identidade, lugar de procedencia e teléfono de contacto. Só hai 24 prazas dispoñibles con preferencia para persoas empadroadas en San Sadurniño ou que sexan socias da Cortiña.

Apoio ao emprendemento agroalimentario
En relación co medio rural e as súas posibilidades económicas, desde a área de Desenvolvemento local tamén lembran que a Fundación Juana de Vega ten aberto ata o 3 de novembro o prazo de solicitude de participación no seu programa de emprendemento agroalimentario.

Trátase dun programa de acompañamento e apoio durante todas as fases de posta en marcha dunha iniciativa empresarial relacionada co ámbito agroalimentario, forestal, pesqueiro ou marisqueiro. Persoal experto en múltiples ámbitos -economía, estratexia empresarial, comunicación, etc.- prestan apoio  e titorías personalizadas para que as ideas máis innovadoras se convirtan en realidade.

A fundación oferta 32 prazas para o denominado Obradoiro de ideas, entre as que despois elixirá as 10 máis interesantes. Esas serán as que poderán madurar o seu plan de empresa no primeiro semestre de 2018 e poñelo a andar despois do verán cun acompañamento técnico especializado.

A inscrición e posterior participación no programa é gratuíta. Iso si, quen acceda ás fases II e III deberá aboar 100 € para garantir certo compromiso de finalización de todo o proceso.

Hai máis información na web da Fundación Juana de Vega ou na súa sede, situada na rúa Salvador Allende, 92, 15176 San Pedro de Nós Oleiros (A Coruña) –  981 654 637 – info@juanadevega.org

 

Share.