A corporación tratará dez puntos no pleno ordinario deste xoves

0

Os últimos xoves dos meses impares son día de pleno ordinario, tal e como quedou establecido na sesión de organización para o presente mandato corporativo. Polo tanto, mañá a partir das 19.30h. as concelleiras e concelleiros volverán reunirse no Concello para trataren un total de 10 puntos recollidos na orde do día. Destacan a proposta de adhesión de San Sadurniño á asociación supramunicipal que se vai crear coa finalidade de xestionar o futuro xeoparque do Cabo Ortegal, a modificación do regulamento e da ordenanza fiscal da escola infantil e a aprobación dun cambio entre partidas do orzamento para reforzar o capítulo do mantemento da rede viaria. En relación coas contas municipais, na sesión tamén se informará da liquidación do orzamento de 2018, onde se apuntan uns remanentes de tesouraría para gastos xerais de 592.160,78€. A 31 de decembro o Concello dispuña dun total de 904.713,51€  en contas bancarias.

Con respecto a anteriores convocatorias, os asuntos variarán a súa orde de presentación encadrados en dúas partes, unha resolutiva e outra de control e fiscalización dos órganos de goberno. Nesta última inclúense a toma de razón das resolucións da alcaldía, o apartado de rogos e preguntas e, tamén, a información sobre a cuestión da liquidación orzamentaria do ano pasado, na que se detalla o resultado económico da aplicación do proxecto deseñado polo executivo local.

O informe da Secretaría Intervención sinala un resultado orzamentario de 253.097 euros, un total de 229.659,92  pendentes de imputación orzamentaria e un remanente de tesouraría axustado para gastos xerais de algo máis de 592.000 euros. A contabilidade municipal indica, ademais, que a 31 de decembro de 2018 o consistorio tiña 904.713,51 euros depositados nos bancos cos que opera. O balance sinala, ademais, que o Concello cumpre co obxectivo de regra de gasto e co límite de débeda e que, pola contra, incumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria.

Na primeira parte do pleno debateranse os asuntos resolutivos, é dicir, aqueles que implican a votación para a súa aceptación ou rexeitamento. É o caso da adhesión de San Sadurniño ao convenio entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia para continuar avanzando na implantación da administración electrónica, nomeadamente no uso dunha plataforma compartida que permita maior axilidade na tramitación de expedientes e no intercambio de información entre administracións.

Tras este punto entrarase na modificación do regulamento de réxime interior da EIM A Rolada para concretar máis o proceso de solicitude, baremación, tramitación e cobro do servizo. Os cambios tamén atenden á reestruturación do índice do documento para adaptalo ao modelo tipo de regulamento que ten a Xunta de Galicia, á supresión de normativa obsoleta en canto á comunicación coa Inspección autonomica e, por último, a inclusión de novos requisitos esixidos pola normativa actual pola que se rexen este tipo de centros.   Parte destes cambios aféctanlle tamén á ordenanza que recolle as taxas do servizo, de xeito que o pleno tamén deberá valorar a súa modificación.

O sexto punto da relación de asuntos para deliberación e acordo tratará a entrada de San Sadurniño nunha nova entidade constituída polos sete municipios promotores da candidatura do Complexo do Cabo Ortegal a xeoparque global da UNESCO. A entidade terá por obxectivo avanzar no deseño da candidatura e, de obterse o distintivo, ser tamén o máximo órgano de xestión do xeoparque. O finanzamento da asociación obterase por contribucións dos municipios membros -segundo criterios de poboación-, ademais de estar aberta a achegas doutras administracións. O órgano -que terá o seu primeiro domicilio social en Moeche- celebrará un mínimo de dúas asembleas anuais e os mandatos terán unha duración de dous anos. Os estatutos que se votarán no pleno deste xoves incorporan tamén a figura do “membro amigo” para entidades públicas ou privadas vencelladas co territorio ou co proxecto que terán  voz pero non voto.

Na recta final do pleno abordarase, ademais, unha moción impulsada polas asociacións empresariais do norte galego en apoio dun Corredor Atlántico Ferroviario de mercadorías que conecte directamente os portos da Coruña e Ferrol co nodo de Monforte. A proposta estatal que hai actualmente enriba da mesa é enlazar os portos galegos co resto da rede optando unicamente por un trazado en forma de L, é dicir, a conexión Monforte-Vigo-A Coruña-Ferrol, mentres que para a Asociación de Empresarios de Ferrolterra -e para as confederacións do norte- o máis conveniente sería un deseño en “Y” que manteña o traxecto de Monforte a  Vigo e que, ademais, incorpore outra liña directa pasando por Lugo, Ferrol e A Coruña. Dúas conexións en vez dunha que lle permitirían manter a competitividade á zona de Ferrol, Eume e o Ortegal e que a asociación considera “esenciais para o desenvolvemento empresarial de Galicia, a posta en valor dos portos galegos e o impulso da intermodalidade”.

O último asunto de deliberación e acordo que se tratará na sesión deste xoves será a aprobación, se procede, dun expediente de modificación de créditos por transferencia de créditos. Para entendérmonos, trátase de coller partidas do orzamento municipal que aínda contan con fondos dispoñibles -e que se sabe que non se van utilizar no que queda de ano ou que van sobrar- e pasar unha parte deles a outra partida que xa está esgotada ou que vai moi xusta. É algo habitual nas administracións públicas e, neste caso, proponse unha modificación total de 18.000 euros tomando contías de catro partidas do capítulo 4 de transferencias correntes que pasarán ao capítulo 2 de compra de bens correntes e servizos, nomeadamente a traballos de conservación na rede viaria municipal.

 

 

Share.