A convocatoria extraordinaria de bolsas escolares sae adiante por unanimidade

0

O pleno ordinario deste mes de setembro, celebrado onte á tardiña, levaba como principal asunto da orde do día a aprobación da convocatoria extraordinaria de bolsas escolares e axudas á conciliación na EIM A Rolada. O punto saíu adiante por unanimidade, de modo que nos próximos días se publicará no BOP o contido completo das bases e a apertura do prazo de solicitude, que será de 15 días naturais. Alén das becas -que distribuirán os 20.500 euros-, no pleno tamén se trataron outras cuestións, como a modificación de dúas ordenanzas fiscais, a demanda dunha lei autonómica do ciclo da auga consensuada coa sociedade ou o apoio á reivindicación da Plataforma por un transporte público digno de que se reforce o traxecto por estrada Ferrol-Coruña en horas punta.

No referido ás bolsas escolares, o Grupo de goberno explicou na exposición de motivos que coa convocatoria extraordinaria se pretende esgotar a partida de 40.000 euros habilitada no orzamento para esa finalidade. No prazo aberto en abril asignáronse 19.500 euros e no que abrirá en breve distibuiranse os 20.500 restantes introducindo modificacións nas bases que aseguren o reparto completo dos fondos entre aquelas familias que máis o necesiten.

Eses 20.500 euros -cofinanciados con cargo ao POS Adicional 1/2021 para gasto social da Deputación- distribuiranse nos seguintes apartados: 9.500€ para bolsas de estudos posobrigatorios, 8.000€ para estudos obrigatorios, 500€ para 2º ciclo de Educación Infantil e 2.500 euros para sufragar gastos na Rolada.

Un dos principais cambios neste sentido é que, unha vez rematado o prazo de solicitude, o Concello poderá mover contías sobrantes en calquera das catro liñas para destinalas ás que teñan maior demanda, co obxectivo de que as axudas cheguen a máis beneficiarias.

Outro cambio destacable introducido nas bases -que obtiveron o consenso dos tres grupos- é o de axilizar a tramitación administrativa para reducir ao mínimo os prazos de concesión, ademais de marcar o inicio dun novo calendario para que as bolsas se desvinculen das datas de aprobación do orzamento municipal -habitualmente a principios de ano- e pasen a ter unha convocatoria fixa cadrando co arranque do colexio, momento no que as familias teñen que soportar máis gasto.

Nas bases tamén se recolle que, desde este ano, o alumnado de estudos obrigatorios de San Sadurniño xa non terá que estar matriculado no CPI ou noutro centro  dun concello limítrofe para poder acollerse ás axudas, senón que poderá acceder a elas aínda que estea estudando en calquera outro colexio da comarca -sempre que sexa público- se esa opción é máis cómoda para a familia por razóns de conciliación ou por calquera outro motivo.

Polo demais, as bases mantéñense en esencia como as de abril, é dicir, cos mesmos umbrais de renda -o PP solicitaba que se incrementasen- e vinculando a petición no caso das axudas para estudos abrigatorios a que a nena ou neno sexa perceptor do bono da Xunta, algo que o PP tamén pediu que se eliminase como requisito. O Grupo de goberno defendeu os topes máximos de renda como os máis axeitados para, de acordo cos fondos dispoñibles, garantir que as bolsas beneficien a quen máis o necesitan. Tamén xustificou que o feito de ter que acreditar a percepción do bono autonómico evita ter que introducir criterios de valoración que complicarían o trámite e que obrigarían a refacer as bases. Con todo, no pleno tamén se deixou claro que ningunha familia nunha situación económica precaria quedará sen axuda, aínda que non teña solicitado o bono da Xunta, posto que Servizos Sociais conta con fondos económicos para atender eses casos.

O asunto votouse e saíu adiante por unanimidade, non sen antes debater amplamente o contido dunha convocatoria que, segundo o Goberno local, significa “un esforzo enorme” que excede as competencias municipais e supera os recursos dedicados a este cometido por outros concellos da comarca.

Modificación de ordenanzas
Superado este punto, o pleno adentrouse no debate das modificacións de dúas ordenanzas fiscais, concretamente a referida ao abastecemento de auga potable e a da taxa pola expedición de documentos. No primeiro caso introdúcese o cambio de que as persoas titulares do Carné Xove poderán solicitar a bonificación do 50% de ano en ano, en vez de ter que facelo cada trimestre. Ademais tamén se actualiza o prezo polo alugueiro dos contadores postos polo Concello, que será de 5€ ao trimestre, co obxectivo de cubrir os custes de mantemento. Esta última medida é voluntaria, xa que as persoas con abastecemento público non teñen obriga de instalar o contador municipal, senón que poden mercar o seu propio equipamento. No pleno comentouse que neste momento son tan só “cinco ou seis” os domicilios que dispoñen de contador alugado, aos que se lles aplicaría unha medida sostida nun estudo económico previo que calculou tanto o prezo do aparello como os custes de mantemento durante toda a súa vida útil, estimada en 10 anos. Na sesión tamén se explicou que a lei obrigará proximamente a substituír os antigos contadores, de modo que as usuarias e usuarios do abastecemento público deberán cambiar o dispositivo pola súa conta  (desembolsando dunha tacada os custes de instalación e asumindo o mantemento), ou ben acollerse á posibilidade que lles ofrece o Concello. O BNG e o PSOE votaron a favor, mentres que o PP se abstivo.

A segunda ordenanza modificada, a T-4, varía as contías e condicións da taxa que deben pagar as empresas pola sinatura de contratos co Concello. Ata agora estaba aplicándose o 5% do importe de adxudicación no caso dos de obras e o 3% se se trataba de contratos de servizos. Co cambio aprobado onte por unanimidade manteranse no 5% os de obras, mentres que os de servizos quedan fixados nunha contía de 150€, independentemente do prezo de adxudicación. Os contratos menores, sexan do tipo que sexan, quedarán exentos de pagar a taxa.

Mocións
No apartado de mocións debatéronse dúas. A primeira, introducida polo BNG pola vía da urxencia, abordou a petición de que a proposta da nova lei de mellora do ciclo integral da auga free a súa tramitación e que vaia precedida dun proceso de participación que implique tanto aos concellos como a outros sectores da sociedade.  Neste sentido pídese que se defina un plan sectorial que atenda ás especificidades de Galicia -para quen se demandan tamén as competencias en materia de xestión da auga-  e que, a partir dese plan, se elaboren normas consensuadas que desenvolvan cada un dos seus aspectos.

O BNG e o PSOE consideran que o actual articulado, principalmente no apartado da depuración, implica subidas de taxas que despois deberán ser asumidas pola veciñanza, mentres que o PP indicou que a entrada dos municipios nun sistema de xestión autonómica “é voluntaria”. O argumento foi rebatido polo Grupo de goberno, quen apuntou que os concellos pequenos non terán máis opción que adherirse a un novo modelo cofinanciado a tres bandas -Xunta, deputacións e municipios- que lles esixirá un maior esforzo económico ou, se non, asumir as penalizacións que se lles impoñan por non ter as redes en perfectas condicións. O BNG e o PSOE votaron a favor da moción e o PP en contra.

A segunda moción, aceptada polo Bloque e o edil socialista en vía de urxencia, manifestouse en apoio da concentración que a esa mesma hora se desenvolvía en Ferrol convocada pola Plataforma en defensa dun transporte digno reivindicando o reforzo da liña de viaxeiros por estrada Ferrol-Coruña. Segundo denuncia a plataforma, nas horas punta de ida e volta están producíndose constantes retrasos e mesmo falla de capacidade nos buses desde que a concesión pasou a mans de Hércules Norte -operada por Monbús-, ao abeiro do novo Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. Na moción tamén se insta á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade a que tome cartas no asunto forzando á empresa a que cumpra as condicións da concesión. Algo que a Xunta xa se tería comprometido a facer, segundo reflicten hoxe os xornais. Malia os distintos pareceres entre BNG-PSOE e Partido Popular, o texto da moción aprobouse por unanimidade.

Preguntas
Na parte final da sesión a oposición expuxo varios rogos e preguntas. O PSOE preocupouse polos cheiros procedentes das Somozas, polo estado en que se encontraba a denuncia presentada polo Concello hai dous anos a raíz da vertedura de lodos no cauce do Castro -ademais de interesarse pola situación e a restauración da canteira que supostamente orixinou a vertedura-, e tamén pediu que o Consello Escolar inste á Consellaría de Educación para que se incorpore un profesor/a a media xornada para Educación Física, cuxo posto  consta no catálogo do CPI pero que este ano non se cubriu.

O PP, pola súa banda, preguntou polas razóns de que este ano non se solicitara ningún obradoiro de emprego, ao que Secundino García respostou que na historia de San Sadurniño “só houbo un” e ademais “hai que cofinancialos”, o que significaría un importante esforzo económico que noutros municipios con maior orzamento se fai de maneira compartida. O PP tamén pediu que se limpase de maleza a senda peonil do Camiño Arriba e que se reparasen deficiencias “que nos trasladaron algúns veciños” na pista que enlaza este núcleo con Sabanda.

O Partido Popular preguntou, ademais, se había previsións de reabrir a biblioteca. Sobre esta cuestión o alcalde respostou que o servizo volvería funcionar con normalidade cando se reincorporase ao seu posto a bibliotecaria e que, mentres, se tentará asegurar un funcionamento mínimo con axuda do persoal que traballa na Casa da Cultura que, en calquera caso, de momento non contemplaría o servizo de préstamo. Como últimas cuestións o Partido Popular preguntou se se sabía algo sobre a autorización para plantar pataca que, en principio, a Xunta tamén manterá en 2022, ademais de solicitar que o Concello lle pida á Xunta a instalación dun paso peonil en Cornide.

Audio íntegro do pleno

Share.