A Consellaría dá un paso atrás e manterá o itinerario de Letras no CPI San Sadurniño

0

Unhas 60 persoas entre alumnado, nais e pais, profesorado do CPI de San Sadurniño e representantes municipais concentráronse hoxe nas inmediacións do centro de ensino para protestaren pola decisión da Consellaría de Educación de suspender o itinerario de Letras en 4º da ESO ao non acadarse o número mínimo de 5 matrículas para formar grupo. Unha decisión coñecida o luns que eventualmente deixaba sen moita marxe de manobra a dúas familias, obrigadas a que a rapazada collese o itinerario de Ciencias ou o preparatorio para a formación profesional… ou ben que optasen por trasladarse a outro centro, algo que unha delas xa fixera esta mesma mañá cambiando o expediente para o Concepción Arenal de Ferrol. Porén, pouco antes de que rematase a concentración, a Consellaría de Educación comunicoulle á dirección do colexio o mantemento do itinerario, noticia que foi celebrada polas nais e pais no medio de críticas por estes catro días “de incertidume innecesaria” e polas “manobras” de Educación para “obstaculizar a manifestación” primeiro e para “puentear” ao Concello e á propia dirección do centro na resolución do conflito, tal e como comentou este mediodía o alcalde, Secundino García. 

Os tres grupos municipais mantiveron onte unha xunta de portavoces na que todos coincidiron na necesidade de que San Sadurniño conservase os itinerarios de 4º da ESO independentemente de que se cumprise ou non o umbral dos 5 alumnos matriculados. De feito este caso xa se deu en cursos anteriores sen maior problema  e, mudando de criterio, Educación esgrimiu no que agora comeza unha resolución do pasado 17 de xuño indicando que non se autorizaría a impartición de ningún itinerario para o que non se formase grupo mínimo. Lois Anxo Rodríguez -concelleiro do PSOE e profesor que dirixiu varios anos o CPI- comentaba esta mañá que  “nunca se deu esta situación, que é insólita e sorprendente”, cualificando o ocorrido como   “un despropósito” por tratarse dunha ensinanza obrigatoria, nun centro rural “e habendo profesorado e dispoñibilidade para impartila sen custe económico algún”.

As nais e pais e o profesorado do centro movéronse ao longo da xornada de onte co obxectivo de convocar para as 12:00h de hoxe unha concentración urxente de protesta e solidariedade coas familias directamente afectadas que ía desenvolverse ás portas do edificio de Secundaria pero que, finalmente,  se dividiu en dous grupos: por unha banda as mestras e mestres no patio do colexio e, por outra, as familias e a rapazada -todas e todos vestidos de negro- xuntándose no exterior acompañadas por representantes sindicais, do goberno municipal e tamén do BNG e o PSOE locais. “Temos constancia de que houbo denuncias dalgúns pais perante a Inspección e que, a través dela,  a Consellaría presionou e ameazou con expedientes para que a protesta non se levase a cabo dentro do recinto. Obstaculizaron a manifestación por todos os medios”, comentou Secundino García.

O alcalde tamén se referiu á imposibilidade de tratar a cuestión directamente co Xefe territorial de Educación. “Tanto eu como a dirección do centro tentamos durante os últimos tres días falar con el e foinos imposible”. O rexedor precisou, porén, que onte á noitiña lle chegara unha mensaxe da portavoz municipal do PP asegurándolle que ela mantivera unha conversa co responsable provincial da Consellaría e que este se comprometera a manter o itinerario no CPI, algo que Educación confirmou xusto ao remate da concentración desta mañá por medio dunha comunicación á dirección do centro de ensino.

“En menos de catro días suspenderon o itinerario obrigando a dúas familias a buscarse a vida noutros centros e agora, a raíz da presión das nais e pais e do profesorado, dán para atrás e confirman que se vai manter a opción de Letras en San Sadurniño.  É unha boa noticia, pero non deixa de ser tamén esperpéntico”, lamenta Secundino García.

O rexedor local tamén critica o proceder da Consellaría considerando “unha deslealdade institucional absoluta” que desde o luns en que se coñeceu a suspensión non se atendesen as chamadas do Concello nin da dirección do centro e que, en cambio, “o Xefe territorial lle colla o teléfono só á representante do PP, puenteando ao Concello e ao CPI”.

“Onte na xunta de portavoces o grupo popular pediu que se deixase a un lado a política neste asunto e, cando ben é, son os primeiros que se apuntan a unha manobra política orquestrada: primeiro crean un problema e despois son eles quen pretenden apuntarse o tanto da solución. Insisto, é un esperpento e unha maneira de facer as cousas que non ten perdón. Falamos de ensino e de familias, de persoas que viviron días de incerteza e que tiveron que andar lixeiras para buscar unha alternativa que ao final non vai ser necesaria”, remata o alcalde.

 

 

Share.