A comarca enfróntase a unha nova invasora

0

Quedade con este nome: Tecia Solanivora Povolny. Así se chama a couza ou polilla guatemalteca da pataca. Unha praga que ameaza con estragar as colleitas deste ano. En 2015 a Xunta declarou Galicia como zona de presenza da praga e nomeadamente a área de Ferrol, Narón e Neda, que quedou en corentena coa prohibición de que saísen tubérculos destes municipios. Pero iso foi o ano pasado e malia que a área da ría segue en corentena, existe a posibilidade máis que real de que a polilla se teña estendido xa a zonas limítrofes, como pode ser San Sadurniño. De feito, a principios deste 2016 tamén se declarou a corentena na zona da Mariña Luguesa e semella raro que non haxa couza nas entremedias do eixo Ferrol-Viveiro. Por esta razón o mércores 22 a Casa da Xuventude acollerá a partir das 19.30h. unha charla sobre a cuestión e sobre as medidas que se deben tomar para evitar o seu avance.

A Tecia Solanivora é unha comedora de patacas nata. Só lle afecta aos tubérculos, onde pon os seus ovos e vai medrando como verme alimentándose deles antes de se converter nunha polilla que repite o ciclo de posta de ovos. O ciclo -que adoita durar entre 41 e 95 días- é algo máis complexo que esta explicación e está descrito neste folleto informativo publicado pola Xuntaonde tamén se describe o xeito en que se propaga e as precaucións que cómpre tomar incluso antes de facer a sementeira.

O caso é que a polilla estraga por completo as colleitas furando as patacas, ademais de utilizar un método reprodutivo que lle permite multiplicarse nos lugares onde se almacenan, mesmo nos sacos ou nas paredes onde se garde a apañada.

Para informar sobre a praga, o próximo mércores 22 de xuño ás 19.30h. terá lugar na Casa da Xuventude unha charla impartida por Antonio Álvarez -xefe da Área de Servizos Agrarios Betanzos-Ferrol- e Antonio Rivera, que é técnico do Servizo de Sanidade Vexetal.

Á sesión, organizada pola asociación A Cortiña e o Concello, pode asistirse sen necesidade de apuntarse antes e desde o departamento de Desenvolvemento local destácase o interese e importancia da charla para garantir que agora, durante o verán, se tomen en todo o municipio medidas de profilaxe que axuden a protexer os patacais ou a deter o avance da praga se se localiza algún foco.

Share.