A cativería do cole axuda a plantar máis froiteiras do país

0

O Concello e maila Asociación Galega da Froita Autóctona -a AGFA do Eume- tiveron hoxe unha mañá de traballo abondoso coa planta de novos exemplares de froiteiras na Horta de Conservación “Carlos Fornos”. Porén, tamén tiveron axuda. E é que a rapazada de infantil e primaria do CPI pasou por alí para botar unha man e tamén para aprender de onde vén a froita e o traballo que se desenvove nesta leira única en Galicia. A visita encádrase no programa de divulgación da horta incluído no convenio suscrito entre o Concello e a AGFA do Eume, pero tamén no interese do centro de ensino por fomentar os valores ambientais e o coñecemento do medio. Tal e como aseguraba unha das mestras, “é importante que vexan desde pequeniños o que nos dá a terra e que o valoren”.

Ao longo desta mañá achegáronse pola horta uns 125 nenos e nenas dos cursos de Educación Infantil e de 1º e 2º de Primaria. Por eles e elas estaban agardando representantes da AGFA do Eume, quen lles explicaron a finalidade da horta de conservación, onde existen máis de 150 variedades de froiteiras do país.

Un número que segue medrando a medida que se van identificando e reproducindo en viveiro castes que noutro tempo tiñan moita difusión pero que agora, co abandono progresivo do agro, corren o risco de desaparecer. Neste sentido, a AGFA e mailo Concello están ampliando a colección con 30 novas variedades localizadas nos últimos anos.

Parte destas variedades empezáronse a plantar hoxe coa rapazada do colexio, que aínda voltará o mércores -outro medio cento de cativos e cativas de 3º e 4º- para axudar neste labor que, ademais, é unha clase ao aire libre de botánica e de alimentación saudable. Victoria Feito, unha das mestras do alumnado máis pequeno, destaca o valor destas visitas: “no cole comemos moita froita e produtos da agricultura ecolóxica e é importante que vexan de onde sae todo o que se come, hai que valorar a importancia que ten todo iso”.

Pola súa banda, o edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela, referiuse á importancia da horta de conservación “Carlos Fornos” como contorno ideal para a educación ambiental. “O colexio pode utilizar este recurso en calquera momento para divulgar a fructicultura e a natureza”, asegura Varela quen, ademais, sinala que ao lugar acoden centros de ensino de toda Galicia e “grupos de persoas maiores e xente interesada pola fructicultura”.

Esta leira -na que tamén existe un colmear didáctico- está aberta ás visitas concertadas previamente a través dos teléfonos 605.614.816 e 647.016.351. Son sesións que se desenvolven paseando entre as froiteiras e con explicacións por parte do persoal da AGFA do Eume sobre os obxectivos da asociación, o proceso de creación da horta e información sobre as variedades e as técnicas agronómicas que requiren.

Os prezos das visitas guiadas están fixados en 20 € para grupos de 1 a 10 persoas adultas e en 2€ por persoa no caso de que o grupo chegue a 25. Para os centros de ensino de fóra de San Sadurniño estableceuse un prezo de 0,5€ por alumno/a.

Share.