“A Casa”, de Carlos Eduardo Viana, abre as estreas virtuais do Chanfaina Lab deste ano

0

A web colaborativa Fálame de San Sadurniño comezou xa coas estreas en internet das curtas gravadas o pasado mes de setembro dentro do encontro audiovisual Chanfaina ‘Lab. A primeira delas é “A casa”, do realizador portugués Carlos Viana. A curtametraxe entra na vivenda da familia Cinza-Íñiguez para describir a súa casa como espazo vital a través do tempo. Os recordos que garda, os testemuños do devir da historia e incluso da cultura de San Sadurniño, van fiando un discurso que non tería sentido sen a intervención dos moradores nin tampouco co único retrato de cada recuncho. Así se resume en Fálame o contido desta primeira estrea virtual e tamén o perfil profesional e humano de Viana:

Carlos Eduardo Viana é un cineasta nado en Esposende (Portugal) de amplísima traxectoria como documentalista, programador e dinamizador cinematográfico no Norte de Portugal. Asemade ten dirixido numerosos documentais en Angola, Cabo Verde e, por suposto, en Portugal. Socio fundador e Presidente da Direcção da Associação de Produção e Animação Audiovisual “Ao norte” con sede en Viana do Castelo, fixo Estudos Superiores en Cinema e Vídeo na Escola Superior Artística de Porto e posúe unha licenciatura en ensino. Coordinou a Oficina de Cinema e Audiovisuais do Centro Cultural do Alto Minho (1981 a 1994). Bolseiro do goberno francés, participou nos Ateliers VARAN (París), en dous laboratorios de cinema directo (iniciación e especialización). Coordina numerosas iniciativas pedagóxicas desenvolvidas por “Ao norte” na área do cinema e audiovisuais, os Encontros de cinema de Viana do Castelo, o magnífico portal e lugar de encontro da creación audiovisual na Internet Lugar do real e o Festival cinematográfico Filmes do homem de Melgaço, entre outras actividades desa procura incesante, paixón polo cinema e bonhomía tranquila que caracteriza a Carlos Eduardo Viana.

Carlos e máis o tamén cineasta Miguel Arieira achegáronse a San Sadurniño na procura dunha teima que agroma en gran parte das obras audiovisuais de Carlos, a memoria humana. Como el mesmo subliña: “À medida que os anos van pasando, a memoria, as nosas memorias, van tendo unha importancia cada vez maior. Crúzanse, establecen ligazóns, sediméntanse, transfórmanse naquilo que hoxe somos. Algunhas desas memorias teñen unha pegada física, que pode ser unha fotografía, un obxecto do cotián, unha peza de mobiliario, un recuncho da casa… Dese xeito a casa, a nosa casa, vaise transformando no almacén das nosas memorias”. E nesta ocasión, o azar da Chafainalab levounos ata a casa familiar de Regina Cinza e o seu home Javier, onde topou complicidade, agarimo e disposición para gravar o devir da memoria familiar. A casa como entorno vital, narrada a través de obxectos con capacidade de evocación durante os dous días escasos de estadía que artella o Chanfaina ‘Lab.

Así pois, a cámara de Miguel e Carlos pescuda pola “A Casa/memoria”, acariñando espazos, obxectos e lembranzas. A composición e posta en escea é clásica, moi respectuosa, enxergándonos coas persoas e obxectos da memoria filmada, ao servizo dos sentimentos que agroman das historias de Regina e Javier. O seu é un fogar de memoria que honra aos seus maiores a través de obxectos que utilizaron e sentiron como seus e que aínda viven na casa a pesares de que xa non estean vivos. A curtametraxe invítanos á reflexión pola coidada factura formal e ritmo pausado do retrato dun espazo vital a través do tempo: “a cámara invade a privacidade do lar e deíxase conducir polas persoas filmadas, procurando coñecelas a través do seu pasado. É unha viaxe moi curta, apenas algunhas horas de gravación, para lembrar un pasado que tamén é presente”.

Vemos a través dos obxectos amados como pinturas, fotografías, documentos e pezas varias que forman parte indisoluble da vida dos protagonistas, mais tamén da historia contemporánea local. Porque os espectadores e espectadoras tamén podemos viaxar a través de Regina e Javier para lembrarmos feitos significantes da historia recente de San Sadurniño acontecidos nos difíciles tempos da transición (1970-1980), entre eles a pegada do párroco de San Sadurniño Ramón Díaz Raña, o nacemento do grupo musical Saraibas, o agromar da revista local Pumariño, os comezos do mítico Festival de música infantil Cantareliña, as actividades da Asociación Donas e Galáns ou a tradicional Noite das Pepitas de Ferrol.

Desfrutemos pois da “A Casa” como unha viaxe non só pola memoria familiar, senón como un percorrido pola propia historia da veciñanza de San Sadurniño; de como simples obxectos dunha casa teñen a capacidade de evocar tempos e vivencias de todo un pobo.

 

Share.