A Casa da Xuventude… chea de xuventude

0

A aula de formación da Casa da Xuventude encheuse nesta mañá de venres de xente nova. E é que no recinto se desenvolveron dúas actividades dirixidas ao alumnado do último curso de primaria e os dous primeiros de secundaria do CPI. Na primeira delas descubriron coa actriz Isabel Risco o papel que desempeñaron na historia distintas mulleres galegas, mentres que na segunda o tema cambiou radicalmente e centrouse na loita contra a avespa asiática a través dunha charla impartida pola AGA Ferrolterra.

Isabel Risco presentoulle á mocidade o “Calendario de mulleres. Un día, unha muller!”, unha iniciativa desenvolvida a través das redes sociais durante o pasado mes de marzo na que a actriz e activista foi publicando unha reseña diaria sobre a vida, obra e fazañas dunha trintena de mulleres galegas.

“É un pequeno, modesto e humilde proxecto que pretende visibilizar e poñer en valor a importancia das mulleres na historia do noso país, recollendo as biografias de moitas delas desde o século IV”, explicaba Risco no seu perfil de Facebook. Mulleres afamadas no seu día ou co devir da historia, como Rosalía Castro, María Pita, Maruxa Mallo, María Casares…convivindo na mesma homenaxe con outras ás que a historia aínda lles ten que facer xustiza.

Entre elas Marcela e Elisa, o primeiro matrimonio homosexual que en 1901 logrou  burlar -alomenos algún tempo- á Igrexa e ao Rexistro civil; ou tamén Elvira Bao -secretaria das Irmandades da Fala da Coruña-, Celia Rivas -a primeira camioneira galega-,  Joaquina García -inventora dos traxes de augas para o mar-, Carolina Otero a Bela Otero -grande artista na Belle Èpoque que engaiolou medio mundo-, a case mítica Pepa a Loba que, segundo se conta, roubaba aos ricos para repartir entre os pobres… E así ata completar a trintena de mulleres a razón dunha por día durante o mes de marzo de 2016 que, seguramente, serán outras tantas o ano que vén.

Como loitar contra a avespa asiática

A AGA-Ferrolterra ofreceu unha charla sobre a loita contra a avespa asiática

A AGA-Ferrolterra ofreceu unha charla sobre a loita contra a avespa asiática

Tralo remate da presentación de Isabel Risco, a rapazada tivo uns minutos de descanso na praza do antigo Concello e despois volveuao lío para meterse, desta vez, no asunto da avespa velutina. Unha praga -malia non estar declarada oficialmente como tal- que avanza a pasos de xigante polo territorio sen que polo momento se dese con métodos eficaces de prevención e loita.

A delegación de Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura ofreceu unha charla que se abriu coa proxección do vídeo “A avespa asiática, unha ameaza ambiental”, producido en 2014 polo Concello de San Sadurniño, que xa vai preto das 30.000 reproducións en youtube. O documental explica as frontes de combate que hai abertas -trampeos selectivos, eliminación de niños, etc.- e serviu de contextualización do tema para un coloquio posterior no que tamén se falou sobre apicultura e sobre a importancia das abellas na natureza.

Share.