A Casa da Cultura dótase dun novo sistema de proxección

0

Acabouse quedar con dor de pescozo despois de ver unha película ou unha presentación audiovisual na Casa da Cultura. O Concello acaba de instalar unha pantalla de grandes dimensións no fondo do escenario xunto cun novo proxector de vídeo máis luminoso e con máis resolución, que permitirán pasar contidos en alta definición e, ademais, facilitar as conexións de ordenadores e outros dispositivos periféricos desde o propio escenario ou desde a cabina de son. O departamento de Cultura investiu neste equipamento máis de 12.000 euros como parte dun plan de mellora das instalacións que continuará o ano que vén.

E é que a intención do Concello é continuar mellorando as instalacións con outras actuacións que, pola súa contía económica, deben ir facéndose pouco a pouco. Así, os traballos que se teñen previsto acometer pasan tamén pola colocación dun sistema de climatización que faga máis cómoda a utilización do recinto especialmente na primavera e nos primeiros compases do verán. Ademais tamén se ten proxectado o cambio da iluminación para favorecer as condicións de luz durante ponencias ou incluso nas representacións teatrais. Por último, dentro do apartado técnico, o Concello conta con poder destinar unha partida á mellora do son mediante a instalación de altofalantes e dunha microfonía sen fíos que, ademais de incrementar a calidade acústica, tamén reduza ao mínimo o uso de cabos antiestéticos en calquera acto.

Tal e como comenta a responsable da área, Sabela Cinza, trátase de melloras “que se irán facendo pouco a pouco e combinadas con outros traballos de mantemento que precisa o edificio”. A concelleira indica que os investimentos están levándose a cabo con achegas do Concello e doutras administracións a través de liñas de axuda específicas para equipamento cultural. De feito, no caso da instalación do novo sistema de proxección -cun custe total de 12.309 euros- a Deputación da Coruña concedeu unha subvención de 6.143€ e a Xunta de Galicia outra de 2.732, polo que San Sadurniño só terá que poñer os algo máis de 3.400 euros restantes.

As películas, agora en pantalla grande
O equipamento audiovisual estrearase esta tarde co gallo da entrega dos premios Lecer Consumo 2016 nos que resultou vencedor o equipo da Aldea de Verán de San Sadurniño. Ao acto -18.30h.- acudirán o alcalde, a titular da área de Igualdade e a  a directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia. Durante o evento proxectarase o vídeo da rapazada que ganou o concurso convocado pola Escola Galega de Consumo entre os campamentos de verán de toda Galicia. A rapazada da Aldea de Verán presentou ao certame unha peza na que propuña un “planazo en San Sadurniño”, consistente nunhas breves recomendacións sobre que facer no concello durante todo o día. O vídeo foi o que obtivo máis “gústame” no Facebook da EGC e as dúas nenas e o neno que participan nel recibirán esta tarde unha táblet como premio.

No evento pasarase o vídeo e notarase a diferenza na calidade e o tamaño da imaxe con respecto ao anterior sistema de proxección. E é que o instalado hai tan só uns días conta cunha pantalla de proporcións cinematográficas -16:10- e un tamaño próximo aos 6 metros de longo por 3,67 de alto. O lenzo eléctrico colocouse no fondo do escenario para facer máis cómoda a visualización desde un patio de butacas que, por deseño, nunca foi o máis axeitado para este tipo de espectáculos. “O habitual é que os auditorios sexan máis longos que anchos, pero o da Casa da Cultura de San Sadurniño tende a unhas proporcións cadradas e conta cun escenario un tanto desproporcionado co resto do recinto. Por iso foi necesario levar a pantalla ao fondo e facerse cun proxector capaz de enchela e de facelo incluso coas luces acesas”, explica Sabela Cinza.

A maior parte do investimento foi precisamente para o proxector. Trátase dun aparello deseñado para grandes salas que vai colocado na parte traseira do auditorio e que é capaz de ofrecer unha resolución WUXGA (1920×1200), superior incluso ao full-hd. Por outra banda o proxector tamén ofrece unha intensidade de 8.600 lumens, de maneira que é posible ver unha presentación ou unha película sen necesidade de apagar todas as luces da sala, como ocorría ata agora.

O traballo de instalación, executado pola empresa coruñesa GM-Provideo, completouse cun novo cableado de conexión con tomas HDMI e de audio analóxico que permitirán utilizar o equipo desde o escenario ou desde a cabina indistintamente, algo que ata o momento tampouco era posible.

Segundo a concelleira de Cultura e Ensino, tanto a pantalla como o proxector, “son un importante avance de cara a mellorar as condicións en que se usa a Casa da Cultura. Agora podemos pasar películas como é debido e incluso estariamos en disposición de emprender unha programación estable que podería apostar pola liña de títulos antigos de referenza na historia do cine ou pola creación alternativa que xa se está impulsando desde o Concello con proxectos como Chanfaina Lab”.

Share.