A Casa da Cultura acolle o sábado a estrea das curtas do II Chanfaina Lab

0

Máis dunha vintena de creadores e creadoras audiovisuais participaron na fin de semana do 4 ao 6 de setembro na fase de gravación da segunda edición do Chanfaina “Lab, o encontro co que se pretende achegar unha mirada distinta sobre o noso territorio. Despois de case cinco meses de traballo -no que moitas e moitos deles viñeron ata San Sadurniño en repetidas ocasións- agora toca ver o resultado da súa mirada persoal, nuns casos ficticia, noutros documental, pero sempre sorprendente e experimental. A cita é o sábado ás 18.00h. na Casa da Cultura, onde se proxectarán as pezas do proxecto coa participación das persoas que participaron nel, ben na parte da realización, ben na parte da interpretación ou do apoio loxístico.

E é que no Chanfaina, ademais dos creadores e creadoras, tamén se implicaron unha chea de persoas de San Sadurniño que foron parte fundamental para a produción das curtametraxes. Ao cabo, o obxectivo desta experiencia impulsada en 2014 polo académico Manolo González é o de fomentar a experimentación audiovisual botando man dun mesmo fío condutor: San Sadurniño. Un territorio abordado desde o realismo, o realismo máxico, a ficción, o documental ou desde calquera outra óptica, posto que só se marcou como criterio a absoluta liberdade para elixir temas e formatos.

O sábado a partir das 18.00h. poderán verse 21 audiovisuais de distintos estilos realizados por xente de renome dentro do que se deu en chamar Novo Cinema Galego, pero tamén por autores e autoras locais que, nalgún caso sen experiencia previa, achegan a súa propia ollada sobre o concello. A sesión comezará cunha pequena introdución para, inmediatamente, meterse de cheo no pase cinematográfico en que se irán concatenando cada unha das pezas -3 horas en total- cun descanso á metade do pase.

A entrada é gratuíta ata completar o aforo e agárdase que a edición deste ano alcance o éxito de público da do ano pasado, cando a presentación ateigou de xente a Casa da Cultura. Porén, quen non poida acudir terá a opción de ver as curtametraxes na canle de youtube de Falamedesansadurnino.org, onde se irán estreando a razón de unha por semana. Cómpre ter en conta que moitas destas pezas circularán por festivais e mostras dentro e fóra de Galicia -mesmo fóra do Estado-, polo que a difusión está máis que asegurada.

Programa:
1. “O Salón do Canteiro”. Antón Caeiro. 15’ 20’’
2. “Toxos e flores”. Lucía Vilela. 4’ 15’’
3. “Matías”. Sandra Sánchez. 10’
4. “Beleza do verán. Mar García. 4’
5. “O tempo da mazá”. Miguel Mariño. 5’ 25’’
6. “O meigo mouro do repetidor”. ConcienciaTV: Miguel, David, Patricia. 10’ 30”
7. “Homes”. Diana Toucedo. 10’
8. “A pena dos tres pés”. Abel Vega. 11’ 49’’
9. “Trazos”. Alberte Branco. 9’ 10 “
10. “E ti de quén ves sendo?”. Sabela Iñíguez e Ary López. 8’

DESCANSO

11. “A imaxe na lembranza”. Gonzalo E. Veloso. 17’
12. “A bizcochada”. Carlos A. Quirós. 11′ 30″
13. “Brío”. Ana Domínguez. 4’ 55’’
14. “Sotobosque 1”. Xiana Gómez. 5’ 38’’
15. “Quixera”. Fran Bermúdez.. 4’ 34’’
16. “Come Go”. Susana Rey. 15’ 40’’
17. “Instantes dun retorno”. Giselle Llanio. 15’
18. “Cara B”. Mar García. 2’
19. “Materia prima”. Natalia Porca. 3:46
20. “ Os aventados”. Álvaro Gago. 3’45”
21. “Dende a orixe”. Gabriel Tizón. 9’

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0344_gl.html#/-1/

Share.