A Casa da Cultura acolle este venres a proxección gratuíta de “Artistiña”

0

Belén Montero e Juan Lesta son os dous compoñentes da produtora audiovisual Esferobite-DSK. Unha firma especializada en posprodución dixital e formación que ten no seu haber unha longa traxectoria creativa entre a que se contan documentais e videoclips para grupos tan coñecidos como Fangoria. Lesta e máis Montero son vellos coñecidos de San Sadurniño, onde participaron no Chanfaina Lab e na impartición de obradoiros, como o ofrecido o ano pasado sobre gravación e edición con dispositivos móbiles. Este venres volverán estar con nós para presentarnos “Artistiña”, unha peza documental onde se reflexiona sobre a arte e as persoas que todos os días deben superar atrancos para achegarlle ao público o seu xeito de ver o mundo. “Artistiña” proxectarase ás 20.00h. na Casa da Cultura con entrada de balde. 

“Artistiña” é un proxecto documental baseado na experiencia de Esferobite DSK durante as residencias para artistas locais do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña. Mostra o panorama artístico e cultural nun contexto de crise aínda non superado que tamén lle afecta ás disciplinas creativas.

A peza, concibida como unha xuntanza de experimentación e documentalismo, desentraña tanto o propio proceso da arte como as dificultades coas que bate a creación por falla de apoio institucional e/ou financieiro.

O documental está protagonizado por Vanesa Castro, Iñaki López, NIN9, Carmen F. Rivera, iria do Castelo, Ricardo O’Nascemento, Jeremy Keenan, Miguel Mariño, Ánxela Caramés, Ángel Rueda, Enrique Lista, Ánxela Blanco, Claudia Delso, Edu Albo, Feli Guzmán, Sandra Sánchez, Nilo Casares, Manuel Segade, Roberta Venanzi, Paula Freire, Antía Otero e polos propios Juan Lesta e Belén Montero. Nomes todos eles vencellados a distintas disciplinas -pintura, escultura, audiovisual, comisariado, etc.- e algúns deles tamén coñecidos do Chanfaina como é o caso de Ángel Rueda ou Sandra Sánchez.

“Artistiña” fai alusión ao concepto que ten a sociedade ao respecto de quen crea arte, unha especie de “friki, hippy e rarito” -como dí o pintor Edu Albo no tráiler do vídeo- sometido á constante precariedade e incerteza laboral.

O filme proxectarase este venres a partir das 20.00h. na pantalla grande da Casa da Cultura con entrada gratuíta. O pase -dunha hora de duración-  estará presentado por Juan Lesta e Belén Montero que, ao remate, atenderán preguntas e temas de debate que queira propoñer o público.

Share.