A Biblioteca xunta lectura e igualdade na conmemoración do Día do Libro

0

A celebración do Día Internacional do Libro cadra este ano en domingo e por iso a Biblioteca Municipal de San Sadurniño programou dous eventos dirixidos á rapazada máis pequena do concello que terán lugar na Casa da Cultura o venres 21 e o luns 24. Son dúas sesións de contacontos que se centran na promoción da lectura, pero tamén na concienciación en valores como son a igualdade e a corresponsabilidade. As ambas actividades forman parte do programa da Consellería de Cultura “Ler Conta Moito”.

O venres pola mañá, a iso das 10.45h., a Casa da Cultura acollerá a peza “Dada o Duende”, quen deleitará aos nenos e nenas de entre 3 e 6 anos  cun repertorio de contos marabillosos nos que se traballarán valores como a convivencia e a igualdade. En palabras da coordinadora da biblioteca, Anabel Gavín, trátase “dunha  forma divertida de fomentar o hábito lector entre os máis pequenos a través destes contos máxicos”.

O luns, un día despois do San Xurxo, será a vez de “Rosa Caramelo e outras historias”. Tamén é un espectáculo de narración oral aínda que pensado para rapazada un pouco maior, xa que a el asistirá alumnado do CPI con idades comprendidas entre os 8 e os 10 anos.

“Rosa Caramelo e outras historias” dálle a volta a papeis e estereotipos de xénero. Artur Trillo -dirixido por Paula Carballeira- contará varios relatos “como o dos bonobos con lentes, Artur e Clementina, e Unha feliz catástrofe, de Adela Turín”, tal e como explica a bibliotecaria municipal. De feito, Rosa Caramelo é o título dunha obra de Turín e Nella Bosnia publicada orixinariamente en Italia hai máis de catro décadas e editada aquí por Kalandraka.  É un álbum ilustrado que conta a historia dunha elefantiña que se rebela contra a tradición de que as elefantas teñan que medrar nun cercado, cheas de lazos de cor rosa, comendo flores e coidando a súa pel rosada, e prefire ir cos elefantiños, que poden comer herba fresca, xogar polos prados e enzoufarse na lama.

Nesta montaxe composta de catro historias -a de Rosa Caramelo e outras tres-  combínanse a palabra e a música en directo, tratando de crear unha atmosfera adecuada “para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes”. Búscase, polo tanto, fomentar a lectura pero tamén falar unha vez máis de coeducación, igualdade e da ruptura co concepto aínda moi enraizado de que existen “cousas de nenos e cousas de nenas”.

Share.