A Biblioteca e a área de Igualdade proseguen cos actos do Día do Libro

0

O Concello continuou esta mañá a programación iniciada o venres para celebrar o Día Internacional do Libro. Se ese día “Dada o Duende” deleitou cos seus contos á rapazada de entre 8 e 10 anos, hoxe tocoulle a quenda a Artur Trillo con “Rosa Caramelo e outras historias”… historias ben entretidas e todas en clave de igualdade que se representaron para o alumnado máis pequeno do CPI. Porén as actividades municipais non rematan aínda, xa que o xoves volverá á Casa da Cultura a poeta Dores Tembrás cunha proposta para a mocidade que combina poesía e graffiti.

Rosa Caramelo é o título dunha obra  publicada  en Italia hai máis de catro décadas  que conta a historia dunha elefantiña que se rebela contra a tradición de que as elefantas teñan que medrar nun cercado, cheas de lazos de cor rosa, comendo flores e coidando a súa pel rosada.

Artur Trillo -dirixido por Paula Carballeira- conta tanto esta como outras tres historias combinadas con música en directo que axudan a crear unha atmosfera adecuada “para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes”.

A montaxe “Rosa Caramelo e outras historias” busca deste xeito fomentar a lectura pero tamén falar unha vez máis de coeducación, igualdade e da ruptura co concepto aínda moi enraizado na sociedade de que existen “cousas de nenos e cousas de nenas”. Unha mensaxe lanzada tamén o venres coa obra “Dada o Duende”, representada na Casa da Cultura para o alumnado co colexio de entre 8 e 10 anos e, igual que a obra de hoxe, encadrada no programa da Xunta “Ler conta moito”.

Dores Tembrás, o xoves coa mocidade
A próxima proposta co gallo do 23 de abril desenvolverase o xoves no mesmo espazo e en dúas sesións, unha de 12.10 a 14.00h. para a rapazada de 6º de primaria e outra de 15.20 a 17.00h. para a xente algo maior que xa vai en 2º da ESO.

O título da sesión da mañá é “Poesía+graffiti” e a encargada de impartila será a poeta Dores Tembrás, quen estivo recentemente en San Sadurniño falándolle á mocidade sobre creación literaria en feminino. Neste caso ofrecerá un obradoiro no que o acceso ao poético se realiza “por medio dunha vía moi familiar para os rapaces e rapazas, cunha linguaxe que eles manexan con naturalidade e coa que se identifican: as pintadas nas rúas”.

O obradoiro ten dúas partes, unha primeira na que Tembrás e a xuventude traballarán con imaxes de graffiti “pintadas de corte poético” que se analizarán tendo en conta o espazo e o contexto, as figuras retóricas, a grafía,  a necesidade de brevidade, as constelacións poéticas, a precisión, etc.; mentres que na segunda parte  a rapazada escribirá un par de versos e unha imaxe para poñer en práctica todo o aprendido.

Pola tarde Dores Tembrás abordará coa xuventude da ESO a actitude e o traballo poético, para o que suxeriu tomar como punto de partida o seu poemario “O pouso do fume”, localizado tematicamente en San Sadurniño. Segundo a escritora e activista cultural, o obradoiro pretende ser “un estímulo para que o alumnado escriba a partir dun referente no territorio e na emoción”.

 

 

Share.