A Aula CeMIT retoma en novembro os cursos itinerantes polas parroquias

0

A Aula CeMIT ten xa pechada a súa programación ata maio de 2019. Ofrecerá unha chea de obradoiros relacionados co manexo das tecnoloxías da información e a comunicación abertos a todas as idades e incluso a distintos niveis de competencia na materia, posto que haberá propostas para persoas xa iniciadas nas TIC e tamén para aquelas que non teñan coñecementos previos. A primeira acción formativa itinerante desenvolverase xa en novembro na parroquia de Lamas, cun curso para aprender a utilizar o teléfono móbil intelixente. Será os luns e martes entre as 10 e as 13.00h. no local social. Para inscribirse hai que pasar pola aula -situada na Casa da Cultura- ou ben chamar ao 616 016 793.

Neste caso trátase dunha formación pensada para quen non saiba absolutamente nada de móbiles e queira aprender a manexalos. Os contidos comezarán polo propio acendido do teléfono, a súa configuración e tamén os primeiros pasos na navegación pola rede e a descarga de aplicacións útiles, como por exemplo o whatsapp. “Moitas persoas maiores teñen móbil porque llelo regalan ou porque o heredan despois de que alguén da casa cambie de modelo. No curso empezamos desde cero: como encendelo e apagalo, chamar, xestionar a axenda de contactos, conectarse a unha rede wifi, navegar, utilizar google maps, sacar fotos e gravar vídeos… pero tamén controlar os axustes de privacidade.”, explica Carmen Suárez, técnica da Aula CeMIT de San Sadurniño.

Para participar nesta actividade fai falla dispoñer de teléfono móbil intelixente -practicamente todos os do mercado-, aínda que se algunha persoa non o ten a aula empréstalle un para que se vaia familiarizando coa tecnoloxía antes de facerse cun de seu.

O primeiro curso da temporada desenvolverase en Lamas os luns e martes do mes de novembro en horario de 10 a 13.00h. En decembro a formación trasladarase nos mesmos días e horarios á parroquia de Ferreira e, de febreiro en diante, a actividade continuará de mes en mes ata maio por Santa Mariña do Monte, Igrexafeita, Bardaos e Naraío.

Ademais desta formación itinerante polas parroquias, na propia aula da Casa da Cultura tamén hai previstos outros 10 obradoiros presenciais e xornadas de teleformación desde este mesmo mes de outubro, que abranguerán, entre outros contidos, o uso de Google Maps, a fotografía e vídeo con teléfonos móbiles, o manexo de Facebook, os novos dispositivos vestibles -reloxos intelixentes-, a lectura dixital, youtube ou o manexo dunha táblet. Os dous próximos son este mércores 24 de outubro -centrado na utilización de Facebook- e o día 31, cando se mostrarán aplicacións coas que exercitar a mente a través do teléfono móbil.

Para obter máis información sobre as datas e a programación completa abonda con contactar con Carmen Suárez a través do teléfono 616 016 793 ou do correo cemit.sansadurnino@xunta.gal. Tamén se pode descargar en .pdf desde aquí.

Share.