A Aula CeMIT programa actividades arredor da informática para a rapazada durante o mes de xullo

0

A Aula CeMIT de San Sadurniño, ao igual que o resto de aulas da rede, naceu co obxectivo de promover a alfabetización e a inclusión dixital pensando principalmente na poboación de maior idade ou que non tiña coñecementos -nin tampouco acceso- sobre internet e sobre as tecnoloxías da información. Porén, os tempos cambian. A irrupción dos móbiles, das redes sociais e de múltiples posibilidades de conexión de alta velocidade fixeron que o servizo ampliase o seu abano de propostas adaptándoas a distintas idades. Unha das que se vai poñer en marcha durante xullo é un curso de iniciación á informática para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, que se desenvolverá os martes e mércores de todo o mes entre as 10 e as 11.30h. A aula publicitou onte a actividade e ás poucas horas xa xuntara 25 solicitudes, máis do dobre das prazas ofertadas. Con todo, a responsable ampliou o cupo e abriu unha lista de agarda por se se producisen baixas de aquí a xullo. Para apuntarse hai que contactar coa aula no correo cemit.sansadurnino@xunta.gal ou chamar ao 616 016 793. 

O ordenador e a táblet son ferramentas fundamentais de aprendizaxe nos tempos que corren. A rapazada, nativa dixital, desenvólvese con soltura coas pantallas táctiles e xa desde idades moi temperás parece que teñan a intuición de andar co dediño buscando tal ou cual vídeo ou tal ou cual xogo que mamá ou papá teñen no móbil. Todo está dentro de máquinas, conectadas ou non á rede, e por iso este curso céntrase máis no manexo do aparello que nos aplicativos, aínda que tamén se bote man deles.

Tal e como comenta Carmen Suárez, responsable da Aula CeMIT de San Sadurniño, as actividades proporanse “como un xogo” co que as nenas e nenos se familiaricen co funcionamento da tecnoloxía: “acender o ordenador, o escritorio, os arquivos e os cartafoles… pero tamén manexo básico, conceptos de seguridade asequibles á infancia, ferramentas de debuxo e escrita e incluso aprendizaxe de mecanografía con software libre”, explica Suárez.

O curso publicitouse onte á tarde a través de facebook e a coordinadora da aula quedou abraiada pola resposta. “En dúas horas xa recibira 25 whatsaps reservando praza”, asegura. Ante tantas peticións, Carmen Suárez decidiu facer dous grupos, que se repartirán no horario  de 10 a 11.30h. dependendo do nivel de coñecemento. O curso está pensado para rapazada de entre 6 e 12 anos, polo que o máis probable é que un dos grupos estea formado por nenas e nenos de dez anos en diante e o outro polos máis pequeniños e pequeniñas. En calquera caso, segundo a dinamizadora, “antes de nada veremos o nivel que teñen e despois faremos a distribución, con actividades adaptadas a cada grupo”.

Aínda que o cupo estaría cuberto, desde a Aula CeMIT animan ás familias que estean interesadas a que apunten os nenos e nenas na lista de agarda “por se hai algún dos xa inscritos que ao final non veña”. O curso terá lugar os martes e mércores de xullo na propia aula, situada no primeiro andar da Casa da Cultura. As inscricións poden facerse alí de forma presencial ou ben enviando un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal. Tamén se pode chamar ou mandar unha mensaxe ao 616 016 793.

Á volta do verán, máis cursos para a rapazada
O éxito desta convocatoria non deixa de ser resultado do interese que teñen moitas familias por mellorar a competencia tecnolóxica dos seus fillos e fillas. A cativería manéxase ben con todo o que ten pantalla, pero tamén ten moito descoñecemento do que hai por detrás, tanto no sentido propiamente técnico como no desa “cara b” da interacción coa máquina. E é que unha táblet, un móbil ou un ordenador  permiten ampliar o saber, pero tamén poden crear adiccións, poden expoñernos máis da conta e ata son novas canles  polas que se exerce  violencia e control.

Neste sentido, desde a Aula CeMIT comentan que xa se está coordinando coa ANPA “Sansaviva” do CPI de San Sadurniño unha programación específica de cara ao curso 2019-2020 que aborde distintos contidos dirixidos ao alumnado de Educación Primaria, pero tamén a aquel que ten entre 12 e 16 anos.

Share.