A aula CeMIT ofrece ata maio formación dixital para todas as idades

0

A aula de alfabetización TIC de San Sadurniño ten en marcha unha completa programación de actividades para iniciarnos no uso de dispositivos móbiles e de aplicacións informáticas. Parte delas impártense na propia aula -situada no primeiro andar da Casa da Cultura-, aínda que tamén hai cursos itinerantes polos locais sociais das distintas parroquias. Ademais, no ano que empeza nuns días, tamén haberá actividades para a rapazada do CPI.

Nos obradoiros que se imparten nos locais sociais  estanse aprendendo nocións básicas sobre o manexo do teléfono móbil: chamar, conectarse a internet, instalar aplicacións e, sobre todo, desenvolverse co aparello sen comprometer a privacidade.

Todas as sesións teñen o mesmo horario: os luns e martes entre as 10.00 e as 12.30h. Os cursos xa pasaron en novembro por Naraío e ata o 21 de xaneiro a aula CeMIT itinerante encóntrase en Lamas.

Porén, aínda lle faltan catro sitios aos que acudir e que, polo tanto, teñen aínda aberto o prazo de solicitude. Así, a Santa Mariña tócalle do 27 de xaneiro ao 18 de febreiro, a Igrexafeita do 2 ao 24 de marzo, en Ferreira ofrecerá formación do 30 de marzo ao 28 de abril e en Bardaos o curso celebrarase do 4 ao 26 de maio.

Ademais desta oferta que está percorrendo as parroquias, a aula tamén porá en marcha en San Sadurniño actividades dirixidas á rapazada. Do 15 de xaneiro ao 29 de abril haberá un curso de informática para alumnado do CPI. Verán programas de axuda para os seus estudos, aplicacións para facer traballos e recoller información e mesmo ferramentas para publicar contidos.

A formación impartirase todos os mércores en dous grupos: de 16.00 a 17.30h. acudirá a rapazada de 5º e 6º de Primaria e de 18.00 a 19.30h. a mocidade de 1º e 2º da ESO.

Para apuntarse en todas estas actividades hai que pasar pola Aula CeMIT, enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal ou chamar ao 616 016 793.

Share.