A Aula CeMIT amplía o seu radio de actuación ao concello de Moeche

0
Secundino García e maila alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, acaban de asinar un convenio de colaboración mediante o que este último concello poderá poñer en marcha a súa propia aula de alfabetización dixital co apoio da axente TIC de San Sadurniño. O acordo -cunha duración inicial dun ano- establece que a alfabetizadora dixital se desprace ao municipio veciño 7,5 horas á semana para ofrecer alí cursos e actividades relacionadas con internet e outras tecnoloxías da información e do coñecemento. Este é o segundo acordo deste tipo suscrito entrambas administracións, que xa colaboran desde hai meses na recollida de voluminosos.

Nestes momentos a responsable da aula de San Sadurniño ten un contrato a tempo parcial que, ao abeiro do convenio, pasará a ser unha xornada laboral completa de 37,5 horas. Sete horas e media a maiores cuantificadas el algo máis de 413 euros/mes entre salario, cargas sociais e desprazamentos que Moeche se compromete a asumir contra a presentación da liquidación que lle pase mensualmente o Concello de San Sadurniño, posto que a técnica continuará dependendo a efectos laborais desta administración.

O acordo é froito dunha solicitude do Concello de Moeche remitida o pasado mes de marzo na que se puña de manifesto o seu interese en contar co apoio da Aula CeMIT de San Sadurniño para levar adiante actividades formativas e de promoción das tecnoloxías da información e a comunicación, especialmente entre as persoas maiores e a mocidade. A resultas desa petición o municipio poderá programar a partir de agora cursos de alfabetización ou de mellora das competencias dixitais. Para iso xa se dotou de equipamento informático doado pola AMTEGA, a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia da que dependen todas as aulas.

Secundino García e Beatriz Bascoy rubricaron o documento este venres á tardiña. Nel sinálase que a vixencia inicial do acordo será dun ano, prorrogable de forma automática por periodos iguais a menos que unha ou as dúas partes decidan finalizalo.

Colaboración interadministrativa
Este é o segundo convenio de colaboración interadministrativa que suscriben San Sadurniño e Moeche, que xa comparten desde hai algún tempo a recollida de voluminosos. En palabras de Secundino García, este tipo de acordos “son un xeito de optimizar recursos que, tanto neste caso da formación TIC como no da recollida de voluminosos, lle permiten a Moeche ofrecerlle novos servizos á súa veciñanza”.

O alcalde destacou que a Aula CeMIT de San Sadurniño “é un referente en materia de alfabetización e dinamización dixital avalado por numerosos recoñecementos en Galicia, no resto do Estado e mesmo en Europa”. Secundino García gabou neste sentido o traballo da responsable da aula, Carmen Suárez, a sinalou que de agora en diante “Moeche poderá aproveitar toda a excelencia formativa e a experiencia acumulada pola aula de San Sadurniño”.


Share.