A auga perdóalle a vida ao mercado

0

Día raro o deste Domingo de Entroido no referido ao tempo. Durante a mañá as zonas altas da comarca estiveron afogadas en orballo mentres os vales safaban da auga e cunha temperatura agradable. Porén, os ceos escuros non convidaban moito a saír da casa ante a posibilidade de que chovese. Quizais por iso o mercado local tardou máis da conta en arrancar. E é que ata ben pasadas as 12 non se notou o movemento habitual da feira que, nesta ocasión, ofrecía de novo moita variedade en canto a produtos da terra, artesanía e artigos de segunda man. Ah, e tamén quilos de humor cunha peculiar granxa revolucionaria -ou revolucionada- escenificada polo Aturuxo de Melpómene.

Como era de agardar, o tema de conversa da mañá foi o da praga das patacas. Secundino García e Manolo Varela andiveron polo mercado durante case toda a mañá e foron moitas as persoas que lles preguntaron por como estaba a cousa de plantar e que vai pasar a partir de agora. Preguntas ás que os responsables municipais respostaron coa información oficial que se coñece nestes momentos: San Sadurniño está en corentena, é obrigatorio declarar as plantacións de pataca de cedo que se fixesen até o momento e, aínda que non estea prohibido, recoméndase non poñer máis patacas nos terreos xa que é posible que dentro duns días o prohiba o Estado a través dun decreto que tamén obrigará a levantar as plantacións existentes.

Para dar información de primeira man, o Concello organizou para o próximo venres ás 21.00h. na Casa da Cultura unha charla sobre a avelaíña guatemalteca da pataca que estará impartida por persoal técnico da Xunta de Galicia. Nela falarase sobre as medidas que se tomaron e que está previsto tomar por parte das administracións autonómica e estatal para atallar a praga.

O das patacas era asunto dos parladoiros do mercado entre compra e compra. O movemento empezou a notarse a partir das 12 da mañá, máis ou menos, con xente que andaba dando unha volta para ver a oferta ou que viña a tiro fixo buscar algo. Tiveron boa saída os grelos, o cebolo, a planta, os queixos e os produtos salgados. Tamén a artesanía e a quincallada de segunda man, onde mesmo era posible atopar LP’s de Saraibas en perfecto estado por tan só 3 euros.

Porén, como Domingo de Entroido que era non podía faltar alguén de máscara, alguén que rompese a tranquilidade da mañá. E así foi tamén ás 12 da mañá coa entrada nos xardíns da “Rebelión na granxa”. Tomando o título da obra de Orwell, o Aturuxo de Melpómene encheu os sendeiros de troula reivindicativa. Vacas, polos e galiñas, coellos, cochos, cabras, ovellas e toda a bichería que se pode atopar nun curral capitaneada por un granxeiro-matachín encarnado polo polifacético Leandro Lamas. Coitelo en man, cachucha ao peito e peiteado ao Anton Chigurh, Lamas dirixiu os cantos revolucionarios do coro animal, acompañados de gaita, bombo e tamboril.

A comparsa deulle varias voltas ao recinto parando aos poucos nun punto distinto para facer ao público partícipe da leria e para que, ademais da compra, a xente levase do mercado un sorriso.

 

Share.