A auga desloce o mercado local

0

O mal tempo deste domingo foi a principal razón de que o mercado local de San Sadurniño vivise unha edición con menos público do habitual e tamén menor participación de expositores. De feito, dos 71 que había inscritos só chegaron a montar arredor dunha vintena, que aguantaron choiva constante durante practicamente toda a mañá. Ao mediodía houbo unha lixeira clareeira que animou un chisco a afluencia de xente, aínda que non o suficiente para salvar a xornada. En calquera caso, a xente dos postos tomábao coa filosofía propia de quen anda habitualmente nas feiras “é o que ten o tempo”, asegurou un comerciante quen, inmediatamente, engadiu “unhas mollan e outras enxugan”.

Por causa do mal tempo só se chegaron a instalar 17 postos, a maior parte deles de horta, planta e alimentación, acompañados de algún de artesanía e segunda man. Houbo pouco trafego de xente e, en consecuencia, vendas escasas. A auga deu unha pequena tregua cara ao mediodía. Nese momento notouse un lixeiro incremento de visitantes -trasvasados dos locais hostaleiros da zona- que, malia todo, non lle permitiu a ninguén salvar con ben o día.

Dos postos que asistiron á feira quizáis o que máis éxito colleitou foi o da compañía “Caza Soños”, formada por nenos e nenas de 5º de primaria CPI de San Sadurniño. Venderon galletas e ambientadores de elaboración propia co obxectivo de axudar a financiar a produción do seu próximo musical, incluído no proxecto LÓVA -La Ópera como Vehículo de Aprendizaje- no que o centro leva xa tres anos participando.

Elixiron un sitio ao abrigo xusto entre a casa consistorial e a escola infantil. Un lugar de paso obrigado para visitantes do mercado que a rapazada soubo aproveitar ao máximo. Algo máis abaixo, xa nos sendeiros dos xardíns, tamén se situou unha representación da comisión das festas de Santa Sabela deste ano que, porén, emprendeu a retirada pouco despois das 12 da mañá.

Avespas toda a semana
cómpre lembrar que o Departamento de Desenvolvemento local, a AGA Ferrolterra e a Casa do Mel de Goente inician hoxe unha campaña de información e trampeo para a captura de raíñas fundadoras de avespa asiática. Organizáronse obradoiros en todas as parroquias do territorio que se desenvolverán ás 19.30h. coa seguinte programación:

29 de febreiro (hoxe), local social de Naraío.
1 de marzo, local da Seara, en Ferreira.
2 de marzo, local de Santa Mariña do Monte.
3 de marzo, local social do Camiño Arriba.
4 de marzo, local social de Bardaos.
7 de marzo, Casa da Xuventude de San Sadurniño.
8 de marzo, local social de Igrexafeita.
9 de marzo, local social de Lamas.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0362_gl.html#sthash.NfIP6AQE.dpuf

Share.