A asociación de Santa Mariña e ConcienciArte recobran pulso cultural

0

As entidades do municipio, pouco a pouco, van retomando a súa actividade. As primeiras das que temos noticia son a ACR de Santa Mariña do Monte, que programou varias cousas para este sábado de reflexión, e a asociación ConcienciArte, que tamén recupera obradoiros que deberon ser suspendidos pola pandemia. Tanto estas dúas como o resto de asociacións do municipio seguen tendo acceso á colaboración municipal, xa sexa ofertando actuacións descentralizadas como obtendo fondos económicos para o desenvolvemento da súa programación, que este ano se outorgarán tomando como base unha pequena memoria valorada do que vaian facer. 

O mantemento das axudas para o tecido sociocultural e deportivo xa se avanzou no Consello de Participación Veciñal celebrado a principios de mes de xuño no que se informou ás entidades de que seguen tendo á súa disposición a partida de 24.000 euros do orzamento municipal para financiar actividades e investimentos, aínda que simplificándolles o método de solicitude.

Só fará falla que presenten unha instancia xeral acompañada dunha pequena memoria explicativa e valorada do que vaian organizar ou dos investimentos que vaian efectuar e -despois de que o Concello confirme a xuda- achegar a correspondente xustificación de gastos coas facturas oficiais e as certificacións das transferencias. O prazo para presentar as peticións finalizará o 30 de outubro.

Actividades en Santa Mariña do Monte
A ACRD de Santa Mariña do Monte iniciará mañá ás 20.00h. unha serie de camiñadas que pretende manter todos os venres á mesma hora. Serán traxectos pola parroquia duns 5 quilómetros de distancia con saída e chegada no local social da Golpilleira. Non se require inscrición previa.

Onde si será necesario apuntarse é na ruta ata Santo André de Teixido deste sábado pola mañá seguindo o tradicional camiño de peregrinación.  A saída está posta para as 7.00h. de diante do local social, aínda que tamén haberá un autobús ás 11.00h. para quen non queira ou non poida facer a ruta a pé. As persoas socias poderán participar de balde, mentres que as non socias deberán aboar 5 euros.  Hoxe é o último día para anotarse, chamando para iso ao 620 080 865, ao 608 385 471 ou falando con calquera membro da directiva.

A asociación tamén organizou para pola tarde -18.00h.– o espectáculo de maxia O mundo ao revés co Mago Toño, facilitado pola Concellaría de Cultura a través do seu programa de descentralización de actividades. Tal e como indica a información facilitada pola entidade, a actuación desenvolverase ao aire libre nas inmediacións do local social “mantendo as distancias de seguridade”.

A ACRD de Santa Mariña tamén informa de que, de momento “non se pode retomar” o campionato de tute que se organiza todos os anos na parroquia. Os motivos que se aducen nun comunicado trasladado á veciñanza son que “as normas ditadas polo Concello prohíben expresamente compartir elementos necesarios para a organización de actividades”, como serían neste caso os naipes da baralla. Desde o goberno local xa se informou á directiva da entidade que o Concello de San Sadurniño non ditou ningunha norma restritiva nin tampouco prohibiu o desenvolvemento de ningunha actividade. 

O que si se fixo desde o consistorio foi recomendarlles a todas as asociacións que sigan as medidas preventivas ditadas pola Xunta:  manter a distancia mínima de 1,5 metros, o uso de máscara, hixiene habitual de mans, limpeza e desinfección axeitadas dos locais “adecuadas ás características e intensidade de uso dos establecementos” e como mínimo ao comezo e o final de cada actividade; tamén se indica que non se supere un aforo que non permita gardar a distancia interpersoal, a colocación de papeleiras para recoller os residuos, a ventilación periódica dos locais, o uso individual dos aseos e evitar compartir alimentos, bebidas, louza e outros elementos -cartas, toallas, esteiras, etc.-, tal e como se recolle na normativa da Xunta e o Estado, competentes en materia sanitaria para controlar a COVID-19.

Astroloxía, meditación e cambio climático con ConcienciArte
A outra entidade que tamén está informando de novas actividades é ConcienciArte, que se centra no coñecemento alternativo e na sustentabilidade.

Para esta fin de semana propónnos dúas cousas. O sábado organiza un cursiño de Astroloxía como medio de autocoñecemento e orientación, que estará impartido por María Moure. Desenvolverase en xornada de mañá e tarde  -de 10.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30h.- cun prezo para persoas socias de 30€ e de 35€ para non socias. As inscricións hai que facelas nos teléfonos 690 618 417 ou 644 259 016. Tamén se pode reservar sitio no correo mariamoure26@yahoo.es.

Ao día seguinte, domingo 12, haberá unha sesión de meditación para principiantes entre as 10 e as 13.00h. O teléfono para reservas e máis información é o 605 631 290. Tanto esta actividade como a anterior terán lugar na antiga escola de Silvalonga.

Para a semana que vén ConcienciArte propón participar na charla de Josefina Fraile “Cambio climático ou manipulación do clima?”. A poñente falará sobre “novas ameazas tecnolóxicas contra o ambiente e a saúde pública” nun encontro que se desenvolverá o sábado 18 de xullo a partir das 17.00h. no Restaurante Cantábrico, en Fene.

Share.