A Asociación A Cortiña organiza o Outono agroecolóxico centrado na soberanía alimentaria

0

O colectivo A Cortiña é unha entidade que agrupa a pequenas produtoras da comarca e persoas de toda a volta que, dun xeito ou doutro, apostan por poñer en valor o rural a través da agricultura ou a gandaría. A súa actividade está centrada principalmente na formación non regrada que ofrece ao longo do ano en forma de cursos, charlas e xornadas monográficas sobre múltiples aspectos relacionados coa produción primaria, aínda que sempre baixo a premisa da sustentabilidade ambiental e social. A próxima proposta que organizan é o Outono agroecolóxico, que este ano se desenvolverá os días 19, 21, 23 e 28 de novembro. O eixo temático elixido nesta edición son os sistemas de produción e comercialización alimentaria de ambito local e, en último caso, abordar as claves sobre como reconstruír a soberanía alimentaria no rural.

Os sistemas intensivos de produción de alimento están a piques de colapsar, ou polo menos están levando ao límite a capacidade do planeta para soportar o seu custe ambiental e social. O crecemento imparable da poboación desde a metade do século XX provocou que, con ritmos distintos en cada parte do mundo, se fosen abandonando os sistemas tradicionais -caracterizados pola diversidade produtiva, un certo equilibrio co ecosistema e a atención a mercados próximos- para adoptar modelos gandeiros e agrícolas globais que prometían prosperidade, pero que finalmente só trouxeron prezos máis baixos, maior dificultade para obter rendas dignas e un nivel tal de especialización e deslocalización que, na actualidade, case ningunha zona do mundo é autosuficiente en termos alimentarios.

En contra desta tendencia mundial están xurdindo voces que reclaman botar o freo e mirar atrás para revitalizar todo o bo que tiñan os sistemas de cultivo e crianza tradicionais. O “Slow Food”, por exemplo, é un movemento mundial con case 40 anos de historia que quere recuperar sabores e o goce dunha alimentación sá relacionada cos mercados próximos e a produción sustentable. O movemento busca concienciar aos consumidores e consumidoras como base sobre a que recuperar a capacidade das pequenas comunidades para se abastecer dos seus propios alimentos. E iso é, en resume, o que se coñece como “soberanía alimentaria”, aínda que o concepto en si mesmo tamén abrangue as normas que deberían adoptarse nos estados para protexer a súa capacidade produtiva.

A soberanía alimentaria é, precisamente, o tema principal do Outono Agroecolóxico organizado por A Cortiña. A entidade programou catro charlas que dun xeito ou doutro afondan na idea mostrando para iso casos de éxito de dentro e fóra de Galicia.

A primeira sesión -prevista para o martes 19 ás 18.30h. na Casa da Xuventude– impartiraa o xeógrafo Xosé Constenla Vega. Falará sobre o despoboamento rural e o colapso territorial de Galicia. O experto contextualizará a situación actual do país abordando as causas do abandono do agro que se vén producindo desde hai medio século -acelerado nos últimos 20 anos-, pero tamén as oportunidades que se abren para Galicia, tendo en conta que a a nosa realidade demográfica, de asentamento poboacional e agrocultural non deixaron sobrepasar o punto de non retorno que si se deu en zonas con grandes polos urbanos e industriais.

A seguinte charla terá lugar na Casa da Cultura o xoves 21 de novembro ás 18.30h. Sergio Boado, de Granxas de Lousada, comentará co público a experiencia que esta sociedade desenvolve en Irixoa apostando pola vía ecolóxica e por un modelo diversificado que combina a produción agrícola e gandeira. Granxas de Lousada vende sen intermediación horta, verdura, xatos, cochos… fiando a rendibilidade á calidade, á relación directa coa clientela e á variedade da súa oferta. A sesión terá unha segunda parte o sábado 23 cunha visita guiada pola explotación. A saída está prevista para as 9.30h. de diante da Casa do Concello e cómpre inscrición chamando ao 629 835 351.

A última das conferencias do Outono agroecolóxico celebrarase na Casa da Cultura o xoves 28 de novembro a partir das 18.30h. co título “Regresando ao futuro”. A convidada é Marijo Imaz Gurrutxaga, coordinadora do servizo Ekoizpen do concello vasco de Orduña. Alí levan máis dunha década promovendo unha transición agroecolóxica que, até o momento, seguiu catro fases. Unha primeira entre 2003 e 2006 de diagnose da realidade do territorio e elaboración dun plan estratéxico cunha marcada orientación á posta en valor dos seus recursos. Logo, entre 2006 e 2009 trazouse o plan de accións e creouse o  servizo Ekoizpen, encargado da dinamización, formación, asesoramento e fomento do asociacionismo no ámbito da produción ecolóxica. A terceira etapa, de 2009 a 2014 ocupouse do desenvolvemento dun tecido local comprometido co consumo de proximidade e, a última fase, desde 2014, que tenta ampliar o modelo ao ámbito comarcal.

O lema de todo o proxecto é -igual que o título da charla- “Regresando ao futuro”, posto que, desde unha administración pública, se está recuperando a filosofía de produción e de comercio tradicional adaptándoa aos novos tempos en canto a seguridade alimentaria, responsabilidade social e compromiso ambiental.

Tanto a charla de Marijo Imaz como as tres sesións anteriores do Outono agroecolóxico son gratuítas e non requiren inscrición previa -agás a viaxe do sábado 23-. Para obter máis información pode contactarse coa Asociación agroecolóxica A Cortiña a través de Facebook ou do teléfono 629 835 351.

 

Share.