O Concello ordena o pagamento de preto de 12.000 euros en bolsas escolares e axudas á conciliación

0

A área económica do Concello de San Sadurniño efectuou onte á tarde a orde de transferencia das bolsas concedidas na convocatoria deste ano tanto para estudos obrigatorios e postobrigatorios como para servizos de conciliación na Escola Infantil Municipal. O importe total ascende a 11.817,15€, distribuídos nun total de 28 bolsas das que se beneficiarán un total de 22 familias -tres delas teñen máis dun neno ou nena- que cumpriron os requisitos en canto a renda máxima e ao feito de que a rapazada estivese matriculada en centros de ensino público.

Por niveis de educativos, o Concello xa ingresou 9 bolsas concedidas correspondentes a estudos obrigatorios e de segundo ciclo de Educación Infantil e, en todos os casos, pola contía máxima de 200 euros.

No caso de estudos post obrigatorios -ESO, formación profesional regrada e universidade-, o importe total chegou aos 5.414,95 euros distribuídos en sete expedientes que recibiron a contía máxima -600 euros- e outros tres que levan unha cantidade inferior en aplicación dos baremos de renda familiar.

O último apartado, o dirixido a apoiar familias con crianzas na EIM A Rolada, supuxo unha achega global de 4.602,20 euros para cinco familias que obtiveron a contía máxima, que se corresponde co 50% da cota mensual. A outras catro familias asignóuselles unha cantidade inferior atendendo aos criterios de renda.

Segundo as bases publicadas o pasado 23 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia, San Sadurniño reservou unha partida de 25.000 euros para axudas ao estudo e servizos de conciliación na EIM. O Concello recibiu 51 solicitudes -19 para estudos obrigatorios, 17 para postobrigatorios e 15 para a escola infantil municipal-, das que foron desestimadas 23 por superar os límites de renda anual establecidos nas bases, agás nun dos casos en que o motivo da exclusión foi o estar estudando nun centro privado.

O comezo da crise sanitaria colleu ao Concello en pleno proceso de avaliación das solicitudes, que se viu retrasado por causa da imposibilidade de cotexar os datos económicos coa Axencia Tributaria. Ese foi o motivo de que, tan pronto como se solventaron os problemas de comunicación e de acceso ás bases de datos, a área de Igualdade acelerase todo o posible a tramitación dos expedientes e de que as transferencias nas contas das familias beneficiarias se fixesen incluso antes de comunicarlles por escrito a resolución.

O sábado volven abrirse as solicitudes de praza na EIM
A interrupción de prazos nas administracións a partir do 15 de marzo cadrou co comezo do segundo período de solicitudes de praza na Escola Infantil Municipal A Rolada de cara ao curso 2020-21.

Este segundo período -dirixido a novas incorporacións- permanecerá aberto entre o 16 e o 31 de maio e deberá tramitarse preferentemente por vía telemática a través desta ligazón dispoñible na Sede Electrónica Municipal. Para a tramitación presencial -presentando a solicitude en papel- será necesario concertar cita previa coa área de Igualdade no 981 490 027 ext.1.

O Concello agarda que a Escola Infantil poida reabrir as súas portas o 26 de maio, aínda que polo momento a Dirección Xeral de Familia da Xunta de Galicia non aclarou os protocolos que se deberán adoptar en canto a aforo nin medidas preventivas. A área de Igualdade contactará entre hoxe e mañá coas familias usuarias para coñecer cal é a súa situación actual de cara a programar a apertura, posto que só se autorizará a reincorporación das crianzas naqueles casos en que se xustifique a imposibilidade de conciliación.

 

Share.